Héctor Cajaraville gaña o Meiga Moira 2016 de Literatura Infantil-Xuvenil

O premio, que chega á súa sétima edición, está convocado por Baía Edicións e dotado coa publicación da obra e 2.500 euros. A gañadora é unha "“novela de aventuras de estrutura áxil e dinámica, ambientada no século XVII que relata o desafío dunha muller afouta nun mundo de homes".

cajaraville

Héctor Cajaraville gañou a sétima edición do premio Meiga Moira de literatura infantil-xuvenil, un certame que convoca Baía Edicións. O xurado decidiu por unanimidade conceder o galardón á obra presentada baixo o lema “Briolanxa”. Abertas as plicas, esta resultou corresponder a presentada polo escritor compostelán Héctor Cajaraville Araujo, que leva como título 'Denébola a Roxa' e proposta para lectoras e lectores a partir de 12 anos.

O Xurado manifestou, entre outros aspectos, que é unha “novela de aventuras de estrutura áxil e dinámica, ambientada no século XVII que relata o desafío dunha muller afouta nun mundo de homes. A protagonista, Denébola, que comparte nome coa estrela máis brillante da constelación de Leo, loitará pola procura dun destino máis luminoso que o que seu pai elixiu para ela.
Marcada desde o nacemento pola superstición asociada á súa cabeleira roxa, tentará rexerse polos seus propios principios e tomar as rédeas da súa propia vida”.

Publicación

A obra será publicada por Baía Edicións na súa colección Meiga Moira antes de finalizar o ano e a autora recibirá 2.500 euros, cantidade coa que está dotado o Premio.

O xurado valorou tamén a “a alta calidade das obras presentadas, das que catorce alcanzaron a selección final”, o que evidencia “o extraordinario momento que vive a literatura en galego dirixida ao público infantil.”

O xurado estivo formado polas escritoras Andrea Maceiras (gañadora dos 4.º Premio (2010) e 6.º Premio (2014) e Conchi Regueiro, María Dores Fernández López, profesora de Ensino Medio de Lingua e Literatura Galega na Coruña, a tamén escritora Marica Campo, que actuou de Presidenta, e a directora editorial de Baía Edicións, María Belén López Vázquez, como secretaria

Comentarios