CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

Hardcore SuperStar: 'HCSS' (2015)

Malia levar o mesmo nome que o seu primeiro disco, esta vez en siglas, estamos ante o novo traballo dos suecos Hardcore Superstar, unha das bandas máis carismáticas do panorama do metal nórdico e que fai hard rock sen complexos, cun toque macarra que a converte nunha desas bandas imprescindíbeis na discoteca de todo bon amante do rock.

HardcoreSuperstar_5_1


Pode que o título elixido para o disco non sexa unha casualidade, nin tampouco falla de imaxinación, xa que no seu interior atopamos 10 temas que son unha volta a súa orixe, con un son de hard rock oitenteiro e alonxándose do street metal ao que apuntaban nos seus últimos traballos, algo que moitos agradecemos, xa que o rumbo que levaban non era moi atinado.

Dende o tema de apertura “Don't mean shit”, xa atopamos ese clásico son  da banda que descubre por onde vai ir o álbum. Uns riffs moi salvaxes que sorprende gratamente xunto coa actitude que desprende o tema e que se perfila como un dos imprescindíbeis en directo. “Party 'Til I'm Gone”, leva como base un riff que lembra moito a Lenny Kravitz. Un tema directo e consistente que da paso “The Cemetery”, un dos mellores temas do disco cunha base ao “London Calling” dos Clash, é que amosa o que é a pura esencia da banda cun toque punk nas voces e uns retrousos saídos dos oitenta que farán a delicia dos fans máis clásicos..

“Off With Their Heads”é un tema cargado de boas intencións, pero que non chega. Convértese nun “máis do mesmo” pero de baixa calidade que da paso a “Fly”, o tema máis longo do disco. Unha balada de case 8 minutos que chega a facerse pesada aínda que seguramente para algúns será un dos  temas favoritos do disco. Nada que ver con “The Ocean” que engana co seu inicio suave para mudar nun dos temas máis salvaxes do disco, unha verdadeira xoia que sen dúbida vai ser un clásico da banda.

“Touch the Sky”,  é un medio tempo que se afasta un pouco da tónica xeral do disco, camiño dun son máis comercial. “Growing Old” mistura ambientes setenteiros con guitarras potentes nuns cambios de tempo que sorprenden e que realmente funcionan moi ben dando ao tema a frescura que precisa. Chegamos así a “Glue”, que foi elixido como primeiro sinxelo. Un tema feito para os amantes dos riffs e que a min persoalmente lémbranme aos Motley Crue. O álbum pecha con “Messed for Sure”que ben podería ser un convite a escoitalo de novo dende o primeiro tema. Unha canción que amosa aos Hardcore Superstar das mellores épocas.

HCSS é un moi bo traballo dos suecos, que volven pola senda que lles deu o éxito. Hard Rock sen experimentos, sen aditivos con guitarras potentes e cun recendo oitenteiro marca da casa. Un disco para escoitar varias veces seguidas. 

Hardcore Superstar nas redes:

Web: http://www.hardcoresuperstar.com/

Facebook:https://www.facebook.com/OfficialHardcoreSuperstar

Twitter: @HcssOfficial

Listaxe de temas 

1. Don’t Mean Shit
2. Party ‘Til I’m Gone
3. The Cemetery
4. Off With Their Heads
5. Fly
6. The Ocean
7. Touch The Sky
8. Growing Old
9. Glue
10. Messed Up For Sure 

Comentarios