Análise

Happy birthday, William!

Como todos os anos, o 23 de abril conmemórase o nacemento de Shakespeare. E a súa morte. O que supón unha coincidencia digna da súa mellor traxedia.
Josito Porto, María Costas, Víctor Mosqueira, Santi Romay, Patricia Vázquez, Evaristo Calvo e Melania Cruz en 'Medida por Medida'. (Foto: Cristina Becerra)
photo_camera Josito Porto, María Costas, Víctor Mosqueira, Santi Romay, Patricia Vázquez, Evaristo Calvo e Melania Cruz. (Foto: Cristina Becerra)

Como todos os anos, o 23 de abril conmemórase o nacemento de Shakespeare. E a súa morte. Unha coincidencia digna da súa mellor traxedia. A influencia cultural de Shakespeare parece estar fóra de toda dúbida. Considérase a pedra de toque do noso sistema moral, do noso canon literario, do universo no que nos construímos como individuos conscientes. É a obra máis citada despois da Biblia e parece conter toda a sabedoría e unha parte importante da alegría da que somos capaces. 

O noso teatro e o noso cinema, de Muñoz Seca a Tarantino, de Son Goku a Porky, de Roberto Vidal a Roberto Bolaño, de Billy Wilder a Heiner Müller constrúense a favor ou en contra de Shakespeare, mais nunca ignorándoo. Non podemos liberarnos da súa influencia, nin queremos. Os seus versos e as súas mofas resoan no polaco de Vajda, no italiano de Strehler, no catalán de Lizarán, no sueco de Bergman e no español de Lima. Os actores e as actrices saben que nunca terán certeza do seu talento se non o probasen nos caracteres de Shakespeare. Ás veces, transitan desde augas moi distantes, como fixeran Brando ou Bosé, para chegaren ao océano dramático de Shakespeare. 

A traballosa construción do teatro nacional galego tamén sentiu o imperioso desafío de introducir a obra de W.S. no noso repertorio. A obra era titánica, comezando pola tradución. Pór os textos do escritor máis influínte do mundo nunha lingua que pugnaba pola construción do seu rexistro literario era, de seu, tarefa de xigantes. Cunqueiro traduciu o Hamlet tan intensamente que acabou por facer unha obra diferente, mais nunca deixou de perseguir a textualidade do bardo, que aparece mascarado en moitas das súas obras. Nun país normal sería Cunqueiro o encargado de pór no latín noso as comedias amorosas do inglés. 

Quen si se atreveu foi Pérez-Barreiro, coa traxedia escocesa. Un galego literario arcaizante e con libérrimas escollas léxicas. Grazas a ese atrevemento conseguía un texto vibrante e potente, saboroso en boca e expresivo na súa verbalización. Agora o profesor Pérez Romero continúa no titánico labor de traer para o galego o corpus shakespeareano. 

O mestre Manuel Lourenzo contornaba o continente Shakespeare con experiencias textuais próximas ao moderno teatro alemán que sacudía os mitos e enfrontábaos á desesperanzada e irónica ollada contemporánea. O teatro público, o CDG, foi engrosando a nómina e montáronse obras como As alegres comadres ou Soño dunha noite de Verán confiando na maxia da comedia para aproximar o público ao maior dos dramaturgos. Compañías como Noroeste e Sarabela tamén achegaron a súa óptica con obras como Rei Lear ou Macbeth, atrevéndose xa coas traxedias. Logo virían a Noite de Reis do CDG, na que fun tan feliz, e as exitosas versións de Voadora. 

O teatro galego íalle perdendo o medo ao Bardo, e descubrindo que atrás da monumentalidade venerábel do clásico atopábase o maior teatreiro da historia. Tremendo e malandro, cruel e esclarecedor, entroideiro e rotundo, canalla e chulesco. Humano, tremendamente humano. O inventor do humano. 

Sempre que podemos, celebramos o aniversario. Eu fíxeno moitos anos con Mofa&Befa en Shakespeare para ignorantes. Neste ano da peste cantámoslle os parabéns coa comedia Medida X Medida.

Comentarios