xoves 26/11/20

"Hai que seguir insistindo en encher os escaparates das librarías de obras en galego"

Rocío Peruchela estrea a súa faceta como editora en Monforte de Lemos
A fotógrafa, libreira e responsábel da web Aldeas galegas, nunha das súas exposicións (Foto: Carlos Rueda)
A fotógrafa, libreira e responsábel da web Aldeas galegas, nunha das súas exposicións (Foto: Carlos Rueda)

Fotógrafa, libreira, responsábel e deseñadora da páxina web Aldeas galegas, e agora tamén editora en galego, Rocío Peruchela é un bo exemplo de muller que se fixo a si mesma a través dun profundo amor polo país. Viviu a emigración urbana de Barcelona e Madrid para logo volver coa intención de colaborar na tranmisión dun mundo que coida en desaparición. Coa ollada posta no futuro cre nas oportunidades e as máis de 30.000 visitas mensuais que ten o seu portal danlle a razón. Toda unha homenaxe á súa parroquia de Piño, na Pobra do Brollón.      

Avante Pouca

A orixe de que o mundo da aldea centre moitas das súas actividades ten unha explicación biográfica? 
Foron as circunstancias. Fun a última en nacer na aldea e emigrei moi nova, con 18 anos, a Barcelona. Vivín toda a época das Olimpíadas. Logo a vida levoume a Madrid, onde montei unha sala de computadoras. Daquela naceu a miña filla e decateime de que todo o que gañaba era para pagar alugueres e vivía privada da liberdade que tiña na aldea. Non quería ese mundo para a miña filla e decidín volver con ela. Ao chegar, atopei que estaba todo máis abandonado que antes. Desaparecera parte da poboación e parte da vida que eu coñecera. Nese intre propúxenme recuperar unha parte e transmitila a través de gravacións e difundilas por internet. 

Avante Media 

Ese foi o comezo da páxina web Aldeas galegas?
Foi si, no inverno de 2004. Comecei co proceso da matanza do porco, algo que aínda se vivía, e continuei coa horta. Aproveitei os meus coñecementos de programación, que logo fun perfeccionando. É unha páxina que visita moita xente maior e está adaptada neste sentido, coa posibilidade de aumentar ou diminuír o texto.

De onde lle vén o interese pola fotografía?
Do meu avó, que era de San Facundo e rematou por casar na Pobra do Brollón. Era fotógrafo. Facía fotomontaxes coas fotografías pintadas. Deixoume o seu laboratorio e aproveitei tamén o feito de dispor da páxina web. Fixen varias exposicións centrándome nos oficios, nas tradicións e na aldea. Fixen unha reportaxe sobre a última persoa que sementaba liño e mesmo me animei a ter eu na miña terra. Tamén me propuxen recuperar algunhas variedades de sementes de millo.

Como é a vida do libro galego pola súa experiencia? 
Hai xente que cando chega á libraría pregunta polo libro en galego como se non fose algo habitual. Eu teño unha sección propia para o libro galego mais habilitei unha infantil na que mesturo as dúas linguas: galego e castelán. Os que non teñen prexuízos son as nenas e os nenos que, aínda que falen castelán, son máis as familias que tiran polo castelán. Por sorte logo hai casos para a esperanza. O outro día un avó advertiulle ao seu neto que escollera un libro en galego e o pequeno contestoulle "si, e que?". Seguen os mesmos prexuízos coa lingua e hai quen afirma que non o sabe ler. Faltan máis traducións ao galego; o problema é que igual non teñen mercado. Hai que seguir insistindo e encher os escaparates das librarías de obras en galego.

Avante Toda

Ese é o motivo que a levou a comezar unha nova experiencia como editora?
Pola miña experiencia descubrín que había unha gran demanda de persoas que escriben en lingua galega e queren publicar as súas obras en papel a prezos baixos, sen ter que facelo por internet. Por este motivo rexistreime como editora co nome de Peruchela Edicións e este mesmo mes de novembro presentarei as primeiras obras. Son os poemarios De vida, morte, amor e indiferenza, de Pilar Sánchez, que será o primeiro que publique, e A vida nas botas, do escritor e músico Antón Valcarce. Tamén presentaremos outro libro de Pilar Sánchez, desta vez narrativa, que leva por título Estamos de conto. Aproveitarei para difundilos en directo a través da web e tamén nas redes sociais para que as persoas que non poidan asistir á presentación teñen a posibilidade de seguilas desde as súas casas.

comentarios