Henrique Alvarellos

“Hai que facer libros cos que un non se acorde das redes sociais cando os ten diante”

Henrique Alvarellos con hache colleu o testemuño de Enrique Alvarellos sen hache e trouxo ao século XXI a editorial vicedecana das letras galegas, que se fundaba hai agora 40 anos en Lugo. Por este motivo quedamos con el no seu despacho, onde atopamos múltiples referenzas ao fundador. Deixamos un extracto da entrevista publicada no semanario Sermos Galiza.

No medio, Henrique Alvarellos
photo_camera No medio, Henrique Alvarellos

9A obra dun editor é o seu catálogo, claro. Como definirías ti o teu catálogo?

É a cultura galega expresada en galego ou en castelán, neste caso. Eu como autor se cadra só publicaría en galego, pero como editor a idea é a partir de contidos galegos chegar, como fan outras editoriais que o conseguiron con moito éxito, como Kalandraka por exemplo, a todos os públicos que poidamos. Acabamos tamén de comezar unha colección infantil para traer autores de fóra e traducilos ao galego. Esa é a idea. A editorial defínese polo asentamento na nosa cultura e despois intenta unha transversalidade total nos temas. Definímonos polas cousas que non facemos: non facemos libro de texto, nin novela contemporánea, tampouco infantil e xuvenil, aínda que agora empezamos. E logo: moito ensaio, poesía, diarios, gústanme moito os temas de non ficción, ou a prosa realista ficcionada. O que pasa é que hai que buscar un equilibrio entre o que lle gusta a un e nesa parte máis pragmática está Marta -a miña muller - dicindo: "tranquilo, porque che gusta moito como lector pero como editor se cadra non funciona". Ese equilibrio é o que teño que andar buscando sempre, hai cousas que me gustan como lector moitísimo, pero despois... tiven fracasos por aí importantes. Ás veces un cre que é imposíbel que determinados títulos non se vendan, pero é así. Xa non digo miles de exemplares, pero pasar dos mil... E pasar dos mil hoxe en Galiza é complicado. E nós hoxe temos o 80% do mercado aquí.

Sodes unha editorial diferente no mercado: clásicos esquecidos, gastronomía antes de que fora mainstream... Case diría que fostes buscando ocos.

Si, iso é. Tamén queriamos facer libros diferentes esticamente. O libro como obxecto estético, agora hai que facer libros que un non se acorde das redes sociais cando os ten diante, que queira telo na casa, na mesiña de noite, no andel da libraría, que esteticamente aguanten ben. E con moito aparato gráfico.

Ese tamén me parece un sinal de identidade de Alvarellos.

Si, é como esas reportaxes de dobre páxina nos xornais, con boas imaxes, pero de longo percorrido, en formato libro.

[Podes ler a entrevista íntegra no Sermos Galiza 251, á venda na loxa ou nos quiosques e puntos de venda habituais]

Comentarios