Nacho Taibo, escritor

"Hai algo que me afecta moitísimo máis que unha crítica negativa, e é a ausencia, o silencio total"

Entrevistamos Xosé Ignacio ‘Nacho’ Taibo (Madrid, 1949), a quen a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) recoñecerá coa Letra E nunha homenaxe que terá lugar en Oleiros no mes de xuño. Eis un extracto da conversa que publicamos no Sermos Galiza 288.

[Imaxe: Irene Lobato] Nacho Taibo
photo_camera [Imaxe: Irene Lobato] Nacho Taibo

4Dalgún xeito a túa obra representa un boom entre 1975 e 1980 na literatura galega.

A miña literatura nunca representou nada dentro da literatura galega, teño que dicilo obxectivamente ou, cando menos, honradamente. Busquei sempre a orixinalidade, nunca quixen camiñar por onde xa camiñaran outros. Non sei se o conseguín algunha vez, pero nesa época si que gañei algúns concursos, tiven críticas, algunhas moi favorábeis, e estiven un pouco “en palmiñas”, mais seguramente, como me dixo un catedrático o ano que me deron o Premio da Crítica, “é que non había outra” [ri]. A partir de aí xa deixei de estar “en palmiñas”, até hoxe.

Por que?

Esa pregunta fágoma con frecuencia a min mesmo, porque non atopo quen me conteste. O espello non contesta, entre outras cousas, porque non me miro moito ao espello, pero hai ano e medio publiquei unha novela gorda que me aceptou Xerais. Estoulle moi agradecido a Xerais por embarcarse aí, porque supoño que era un risco. A respecto da pregunta anterior, nos primeiros anos a literatura galega non sabía moi ben por onde tirar e vou facer un salto no baleiro: ao mellor alguén decidiu por onde tiña que tirar, pero non sei quen nin con quen criterios. Non me atrevo a sinalar. Teño conciencia clarísima de que non son un autor comercial e nunca quixen selo e iso puido influír moito.

Unha vez levei unha novela gorda a varias editoriais e un rapaz dunha editorial, despois de lela, díxome, bastante nervioso e moi cordialmente, “polo prezo desta novela tan extensa podemos publicar tres libros que se coloquen facilmente no ensino” e esa declaración tan sincera posibelmente explique moitas cousas. Houbo unha época en que se publicaba demasiado con vistas aos alumnos, e ademais pensando que os alumnos son bobos e que non se lles deben meter nin problemas políticos, nin sociais nin moito menos de sexo na cabeza. Esa época creo que xa pasou hai algúns anos. Hai unha polémica sobre se está infantilizada a literatura galega por isto mesmo que estou dicindo e penso que si, que se infantilizou a narrativa, non toda a literatura, mais iso non explica todo o que se publica actualmente, moitas cousas non se fan con vistas aos alumnos dos institutos.

Que impacto tiveron en ti as e os críticos?

Son sensíbel ás críticas, non son indiferente, non paso delas e algunha vez rebótome contra o que considero unha crítica inxusta. Crítica inxusta chamo á de aquel que non entendeu nada ou a de aquel que aparenta que non leu o texto que está criticando. Creo que son capaz de admitir críticas negativas se me parecen xustas, cando me parecen inxustas rebótome comigo mesmo. Hai algo que me afecta moitísimo máis que unha crítica negativa, e é a ausencia, o silencio total. Unha vez publiquei unha novela bastante gorda, que se chama A ponliña irlandesa (Edicións do Castro), e que me deu bastante traballo, non tivo ningunha palabra. Prefiro que me poñan a caldo que ese silencio.

[A entrevista íntegra aparece no número 288 de Sermos Galiza, á venda na nosa loxa e nos quiosques]

Comentarios