luns 18/10/21

Haberá Carvalho 2021, cando menos no eido social

Independentemente da decisión final da Real Academia Galega, o clamor do asociacionismo apunta a que o vindeiro ano será tamén de Ricardo Carvalho Calero, aínda que fique só desde o social.
Ricardo Carvalho e Ramón Reimunde
Ricardo Carvalho e Ramón Reimunde

A pasada semana, o feche perimetral a partir das 15 horas da sexta feira de diferentes concellos galegos, entre eles as áreas urbanas, obrigaba a Real Academia Galega a suspender o acto previsto para o día 31 de outubro de homenaxe ao autor das Letras Galegas 2020, Ricardo Carvalho Calero.

Este xa fora adiado o pasado 17 de maio, ante a imposibilidade de levalo a cabo en condicións por mor da pandemia. Ademais, estaba previsto que decorrese en Ferrol, cidade natal do escritor e investigador, mais a RAG anunciou que finalmente o plenario sería na Coruña, na súa sede. Esta decisión foi criticada polo BNG de Ferrol, que enviou nota de prensa criticando iso e instando o alcalde a non asistir.

Ante a actual situación de incerteza e crecentes restricións, a dous meses de finalizar o ano, semella que cada vez a Academia fica con menos argumentos para non alongar o recoñecemento, como se ergueu en reivindicación desde abril por parte de diversas voces e organizacións non gobernamentais do país.

Consultada por Nós Diario, a institución declara estar "pendente do que determinen nos vindeiros días as autoridades sanitarias" a respecto da pandemia da Covid-19 e as restricións. Unha vez coñecidas as medidas, terá lugar "un pleno no que se decidirá que facer nesta situación tan extraordinaria".

Da petición á realidade

A Federación de Asociacións Culturais Galiza Cultura foi a primeira en pronunciarse, dirixíndose de forma oficial á RAG verbo da conveniencia de estender a homenaxe a Ricardo Carvalho Calero a 2021. Foi no mes de abril, un día despois de que a entidade avanzase a súa decisión de adiar o acto central do Día das Letras.

Contemplando a "excepcionalidade" do contexto, apuntábase cara á toma de medidas igualmente insólitas. Esta demanda foi reiterada no outono, a finais de setembro, após o convivio cultural no que anualmente participan os distintos colectivos da plataforma, "con razóns aínda aumentadas á vista da situación", explica María Pilar García Negro, presidenta da Federación.

Mais desta volta xa non era un rogo, senón un "anuncio de que as asociacións culturais federadas tomabamos a decisión de continuarmos celebrando Ricardo Carvalho Calero ao longo de 2021". A isto a RAG respondeu por unha carta que logo fixeron pública a través deste xornal, mais destaca García Negro que a Academia non fixo ningún pronunciamento público e oficial ao respecto.

Alberte Ansede, secretario da Fundación Manuel María, resume o sentir da súa propia entidade en consonancia co de moitas outras da mesma índole. Como xa manifestaron, observan "un desatino" que a Academia non prolongue a homenaxe, "mesmo contradicindo decisións oficiais que se están a tomar noutros eidos".

Fai referencia con isto, por exemplo, á petición da Xunta da Galiza de estender o Xacobeo máis alá do vindeiro ano ante a perspectiva complexa coa que xa se observa o devir. "No caso de Carvalho tería o mesmo sentido", apunta Ansede.

A Associaçom Galega da Língua (Agal) tamén fixo pública en abril a súa opinión: Calero merece unha homenaxe "ao 100%". Outras múltiplas entidades reintegracionistas (Associaçom de Estudos Galegos, Briga, o Coletivo Terra, a SCD Condado, as Escolas de Ensino em Galego Semente e diversos centros sociais) asinaban no mesmo mes un comunicado sumándose á reivindicación, no que xa se anticipaba a chave da cuestión: "Faga o que figer a RAG finalmente, Carvalho continuará a ser lembrado e reivindicado".

Esta semella a saída que fica, segundo respalda tamén a opción adoptada por Galiza Cultura, a dunha homenaxe social en 2021, coa vista posta de novo no 17 de maio. Á agarda da decisión da RAG, xa que logo, podería darse unha dupla celebración, dunha autora ou autor novo e de Carvalho Calero.

Actos frustrados

"Lamentamos moito as circunstancias nas que están a ser realizadas as homenaxes, transformadas en eventos frustrados", comenta o presidente da Agal, Eduardo Maragoto, con Nós Diario.

Así o sintetiza a cancelación o mesmo 31 de outubro da Lectura Continuada de Scórpio que a súa entidade propuña como homenaxe central e "de país". Estas circunstancias obrigan a reaxendar e, aparentemente, sexa cal sexa o ditame da RAG, os eventos van continuar ou ser retomados cando sexa posíbel, previsibelmente durante 2021.

O ensino

Un dos principais argumentos das entidades e persoas partidarias de alongar a homenaxe remite ao eido do ensino, onde a efeméride adquire a súa maior relevancia e serve de vehículo para a celebración en toda a sociedade.

Se na altura do 17 de maio o curso estaba suspendido, agora a adaptación ás circunstancias sanitarias as condicións tampouco son propicias para achegarse a unha figura tan calidoscópica como a do mestre ferrolán, "super complexa e cunha obra inmensa", di Maragoto, coa calma exixida.

A RAG, na carta remitida a Galiza Cultura argumentaba o esforzo feito para difundir a obra "activando a súa presenza mesmo nos ámbitos escolares, que é onde a pandemia pode causar máis limitacións". Neste senso, a liña de acción deulle un peso fundamental aos contidos dixitais, nuns momentos nos que a virtualidade se vai estendendo a múltiplas facetas da vida.

Malia as dificultades

Maragoto tamén incide en que a dimensión tan grande de Carvalho conseguiu superar, parcialmente, todas as dificultades. Porén, a súa sensación persoal é que malia ser moi abordada en eidos culturais receptivos, o obxectivo do Día das Letras Galegas, que é "popularizar autores descoñecidos entre a cidadanía", non foi atinxido. "Aínda hai xente pola rúa que tería dúbidas de quen é o homenaxeado", di.

Ansede achega a impresión de que a RAG "castiga a figura de Carvalho Calero, primeiro, co retraso pertinaz da súa escolla e, segundo, negándose a estender a homenaxe". Con todo, entende que aínda pode reconsiderar o posicionamento. "Os propios feitos chaman a iso", engade.

A homenaxe social xa é imparábel

Desde a Fundación Manuel María sinalan que xa teñen actos programados para xaneiro, por exemplo, á agarda de ver se finalmente poden decorrer. "Nós imos continuar porque é de xustiza", di Ansede. E non só desde as asociacións culturais federadas se manifestou a vontade de trasladar os eventos. A semana pasada, o Concello de Lugo aprobou en pleno, a instancias do BNG, seguir facendo actos do Ano Carvalho en 2021.

O Parlamento da Galiza continuará coa mostra bibliográfica mesmo coa incorporación de novos documentos. "Confiamos en que haxa posibilidade de representar algunha das súas obras en 2021", di García Negro, pois o teatro aparece como a faceta menos coñecida. "Deberamos apuntarnos todas e todos a unha política de continuidade e facer render os feitos, e non a prácticas abortivas e de simples efemérides", acrecenta.

"O lóxico sería, se existe unha petición ampla social que as institucións públicas ou sostidas por elas, co diñeiro de todas e de todos, teñan ouvidos e sensibilidade para atender", afirma. Á agarda de coñecer a decisión final da RAG, Ansede sinala que co 2021 igualmente afectado pola Covid-19 sería prexudicar a nova figura escollida, que tampouco podería recibir a homenaxe en condicións normais.

Maragoto coincide con el: "Se non vai haber unha segunda vítima". Neste senso, explica que a hipotética homenaxeada ou homenaxeado en 2021 comezaría con demora para desenvolver o traballo. Normalmente a figura dáse a coñecer en xullo, con marxe para que biógrafos e expertos poidan desenvolver con marxe os diferentes traballos que adoitan ver a luz con motivo das Letras

Sen saber cando se dará a coñecer, cando menos chegaría con seis meses de atraso. "A mellor maneira de evitar isto é dedicar 2021 a Carvalho Calero", conclúe. E así será, cando menos, desde o social.

comentarios