sábado 19/09/20
FRANCISCO CASTRO, NOVO DIRECTOR DE GALAXIA

“Haberá unha aposta clara pola modernidade, por ese horizonte 2.0 do libro electrónico”

Falamos co novo director da editorial Galaxia quince minutos despois de que remate o Consello de Administración que vén de nomealo en substitución de Víctor Freixanes. 

Francisco Castro [Foto: Arquivo AELG]
Francisco Castro [Foto: Arquivo AELG]

- Logo de tantos anos en Galaxia, que supón para ti ser o novo director da editorial?
- Pois imaxínate, unha responsabilidade enorme e un reto absolutamente fantástico. Hai 15 minutos que rematou o Consello de Administración que decidiu nomearme e estou nunha nube, feliz, moi consciente da responsabilidade, pero moi contento. 

- Estase producindo un relevo xeracional paulatino no mundo Galaxia. Ademais de Freixanes, hai uns días retirábase Zulueta de Haz como presidente da Fundación Penzol, dando paso a Manuel Puga. Que suporá isto para a entidade?
- Estamos diante dun relevo xeracional, Víctor Freixanes xubílase, fixo un traballo excepcional ao longo de todos estes anos, e agora tócanos á xeración que vén por detrás asumir estes retos. Entre moitos outros que vai haber, de renovación do noso catálogo, de apertura de novas coleccións, pois unha haberá unha aposta clara pola modernidade, por ese horizonte 2.0 do libro electrónico e da experimentación con moitos formatos. Un dos retos cruciais para min, ademais de seguir mantendo este proxecto de navegación que empeza no ano 1950, é sobre todo conectar coa mocidade, contribuír desde esta editorial ao que na fundación se soñou, que é o espallamento da literatura e da cultura galega, agora dicimos tamén da música galega, enchufándonos moi ben en todos os chanzos da idade. Imos potenciar máis a nosa liña de música infantil que tantas alegrías nos ten dado. 

Só imos ter futuro se a mocidade se enchufa pronto á literatura galega. 

- Ides continuar coa diversificación, indo máis alá da literatura, e tamén coa estratexia de internacionalización que se iniciou da man de Freixanes con Mar Maior?
- Mar Maior é unha liña estratéxica desta casa, que se iniciou o ano pasado, e loxicamente é unha das familias de Galaxia. Pero o 98% do noso quefacer diario está centrado no país, como sempre foi desde o ano 1950. Con respecto á diversificación, imos ampliar e traballar en máis espazos, pero tamén profundizar nesas liñas que son moi exitosas, e cando digo exitosas refírome a cuestión puramente cultural. Todo o que é edición de música infantil de calidade implica que todos os anos milleiros de nenos e de nenas reciben boa música en galego. O mesmo cando van medrando con todo o que é a literatura infantil, desde o libro-álbum até a literatura xuvenil. Para nós iso vai seguir sendo estratéxico: seguir coidando as primeiras lectoras e lectores, porque só imos ter futuro se a mocidade se enchufa pronto á literatura galega. 

- E esta nova responsabilidade limitará a túa dedicación á literatura?
- Obviamente vai dificultala bastante, pero é un reto profesional que como editor asumo con orgullo e con plena entrega. Obviamente se xa era difícil sacar horas para escribir agora témome que vai ser máis difícil aínda pero é un prezo lindo a pagar.