Contracultura

Gustavo del Río: "O teatro non queda só no día da función, pode utilizarse como ferramenta de cambio social"

Gustavo del Río, director teatral, é o autor de Mosca, a obra estreada no mes de xaneiro pola compañía Ártika. Del Río aborda os conflitos que poden xurdir arredor do acoso escolar, así como o papel que cumpre a ficción na abordaxe destas situacións porque, como el di, "o teatro non queda só no día da función".
O director teatral Gustavo del Río, autor de 'Mosca'. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O director teatral Gustavo del Río, autor de 'Mosca'. (Foto: Nós Diario)

—Cales foron os inicios de Mosca?
O acoso escolar é un tema que levamos moito tempo traballando na miña compañía. Neste caso, a obra xurdiu da necesidade de contar a vida de Pedro, un neno de 10 anos que sofre acoso, a través da visión da súa nai, o seu pai e a súa profesora. Como enfrontan estas figuras a situación que vive o neno é o quid da cuestión.

Por unha parte, temos a profesora, que se move entre o que quere e o que pode facer. Ela ve que os protocolos do centro no que respecta ao acoso non están ben levados, non ten tantos recursos como lle gustaría e ademais tampouco atopa esa comunicación que debería estabelecer coa nai e o pai. No caso destas figuras, o asunto é como se dan de conta do que vive o seu fillo. Teñen unha falta de comunicación bastante grande no que respecta a Pedro, polo que se van decatando pouco a pouco do que realmente está ocorrendo. No seu caso, o conflito é como asumen por separado a nai e o pai isto e logo como poden chegar a unha solución.

—Unha das frases que resume a obra é "un xogo de crianzas que se converte nun pesadelo", que é un tópico moi utilizado para restarlle importancia ao acoso.
Totalmente. No proceso de documentación para a obra vimos un vídeo no que saía un rapaz xogando cos seus compañeiros no corredor. Este rapaz, ao principio, estaba intentando integrarse neste xogo desde o maltrato e a labazada, incluso rindo coas demais crianzas. Pouco a pouco, a medida que vai pasando o xogo, cando as labazadas comezan a doer máis e o maltrato é maior entende que non está sendo aceptado pola xente. O que ocorre en Mosca ten moito que ver con iso: como as persoas coas que compartimos aulas poden converterse en amigas ou en inimigas. 

—No caso de Pedro, o acoso colle unha forma concreta.
Calquera tipo de acoso pode xustificarse con calquera cousa, non ten que ver con ningunha característica concreta. Con todo, na obra si que quixemos levalo cara ao tema do xénero e da identidade sexual, porque cremos que seguimos sen entender isto noutras propostas que se fan. Todo o que ten que ver con Pedro está ligado ao seu aspecto físico: ten o pelo longo, ten unha voz que os rapaces din que é de nena... Todos os elementos que forman parte del están distorsionados e por iso tamén falamos de homofobia, porque os roles que se cumpren son eses.

—Sendo unha obra dirixida a público adulto e para maiores de 12 anos, cre que pode axudar a previr estas situacións?
Si. Pero hai que pensar que o máis importante despois de ver unha peza deste estilo é o traballo que se poida facer despois no ámbito familiar e escolar. Por exemplo, que logo se poida facer un encontro coas actrices e actores, un obradoiro no centro educativo ou simplemente falar do que está a ocorrer.

Hai anos, eu tiven esta experiencia de poder traballar cos centros e de crear este diálogo tan importante despois da función e paréceme esencial porque se entenden moitas cousas e se facilita ese proceso de empatía e de pórse no lugar do outro. Tendo estas referencias, as crianzas poden ser quen de entender que cando se insulta outra compañeira ou compañeiro tamén é acoso. Quizais non chegan a identificar todas as formas que expoñemos en Mosca, porque hai momentos moi dramáticos, mais si poden entender outras formas de acoso ou de discriminación. Por iso, para min, o máis interesante da proposta é que imos facer este traballo de comunicación na xira cos centros educativos.

É importante que entendamos que o teatro non queda só no día da función, podemos utilizalo como ferramenta de cambio social. Igual que ocorre co cinema ou coas series, cando damos visibilidade ao que se sente oprimido nun momento determinado estamos pondo en valor ese cambio.

Comentarios