mércores 03.06.2020

“Matriarcas”, o adianto no que Guadi Galego homenaxea as mulleres reais

“Matriarcas” é o primeiro videoclip do novo disco de Guadi Galego Lúas de outubro e agosto. “Matriarcas” é tamén a súa homenaxe ás mulleres reais, aquelas que mostran a súa resistencia e valentía diante da vida cotiá. 

Guadi Galego
Guadi Galego

"Nos aleitadoras, nós conquistadoras, brillantes activistas da vida cotiá", di a canción “Matriarcas”, o primeiro videoclip do novo disco de Guadi Galego, Lúas de outubro e agosto que sairá á venda o vindeiro 25 de novembro. 

Guadi Galego rodeouse das mulleres da súa vida, das mulleres da súa familia e outras moi queridas para gravar o  videoclip de “Matriarcas”, un traballo audiovisual de Karlos Abal. Algunhas mestras, outras actrices e algunha música; algunhas coñecidas e outras anónimas, moitas nais mais non todas... as mulleres que convoca Guadi Galego para as súas “Matriarcas” son “mulleres reais que reflicten a resistencia na vida cotiá”, explica a cantora. 

En Lúas de outubro e agosto, o seu segundo traballo en solitario tras Benzón de 2009, Guadi Galego anuncia un feixe de cancións nas que as emocións e os sentimentos son os protagonistas. “É o meu xeito de escribir e ver a vida, é o que lle dá sentido. Nunca penso no que vou facer ou escribir, é o que me sae e, neste momento, Lúas de outubro e agosto vén desta maneira, con emocións e sentimento”, explica Guadi Galego, en adianto do que se desvelará o 25 de novembro. 

Coa maternidade recente, o vínculo tamén corporal coa nova xeración está moi presente neste primeiro videoclip no que mesmo se pode ver á cantante aleitando a súa filla. “Creo nas aleitadoras como un xeito de afrontar a vida, de ti a ti. Creo na lactancia materna e no vínculo que se establece, como símbolo tamén desa relación tan intensa, malia que por calquera razón non poda ser así”, sinala Guadi Galego. “Matriarcas” está dedicado á escritora e amiga Begoña Caamaño, recentemente falecida. 

Lúas de outubro e agosto é o seu segundo disco en solitario mais na súa intensa traxectoria musical, Guadi Galego formou parte de proxectos como Berrogüetto, Nordestinas, Espido ou aCadaCanto. 

comentarios