Guadi Galego, Xabier Díaz e Caxade, gañadores nos Martín Códax

A gala dos Premios Martín Códax da Música Galega trouxo nomes consolidados e novidades ás que lle haberá que seguir a pista a partir de agora. Entre os primeiros, están Guadi Galego, Xabier Díaz ou Caxade, que acadaron os galardóns a canción de autor, música tradicional e folque. 

martincodax
photo_camera Imaxe dos gañadores da 3ª edición dos Premios Martín Códax

Os premiados nesta edición foron (en negriña): 

- Pop e indie: Eladio y los Seres Queridos / Novedades Carminha / Silvia Penide 
- Rock: Agoraphobia / Foxy Freire / Martelo 
- Blues, funk & soul: Nastasia Zürcher/ Pablo Carrera / The Lakazans 
- Jazz e músicas improvisadas: Alberto Vilas Quartet / Orquestra de Jazz de Galicia / Xan Campos ESD
- Hip-Hop e músicas urbanas: Sokram / The Last Minute Experience / Wöyza 
- Música clásica e contemporánea: The Last Man of Fukushima/ Vertixe Sonora Ensemble / Zoar 
- Folque: Caxade / Cuarteto Caramuxo / Vaamonde, Lamas e Romero 
- Música tradicional galega: Davide Salvado / O Fiadeiro / Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre 
- Músicas do mundo: Crebinsky / Dous / Trilitrate 
- Canción de Autor: Guadi Galego / Uxía & Narf / Xoel López
- Música infantil: A Gramola Gominola / Brinca Vai! / Xiqui Xoque Fiú Fiú!
- Electrónica: 2Pasos / Cinta Adhesiva / Croma
- Metal: Aphonnic / In.Verno / Mutant 
- Reggae, Ska & Mestizaxe: A Banda da Balbina / Dakidarría / Transilvanians 
- Orquestras, grupos e música de verbena: Claxxon / Orquestra Os Modernos / Os da Ría 
- Coros e Grupos Vocais: De Vacas / Sisters in the House / The Lollipops
- Premio Organistrum Salas: A Arca da Noe / Aturuxo / Garufa Club 
- Premio Organistrum Festivais: Espazos Sonoros / Feito a Man / Nigranjazz 
- Premio Organistrum Espazos de Comunicación Musical: Abretedeorellas / GZMúsica / Tres Peixes Voando

Gala reivindicativa

A gala de entrega, que tivo lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra, contou cun espectáculo de sketches da compañía de teatro A Panadaría e deixou patente que este é xa un evento consolidado no calendario cultural galego. E as cifras así o confirman: inscribíronse un total de 448 proxectos (396 grupos, 16 salas, 22 festivais e 14 medios de comunicación), o que volveu converter a web do certame na plataforma de música galega máis importante do momento. 

No seu discurso de clausura, o voceiro de Músicos Ao Vivo, Ramón Bermejo, reivindicou que a asociación é necesaria para “dar pulo á dignificación do oficio da música, e servir como lugar de encontro entre os profesionais que defendemos o papel dun sector que noutros países é considerado estratéxico”. Bermejo denunciou que “vivimos un desmantelamento progresivo das artes e as humanidades no noso sistema educativo da man da LOMCE, precisamente cando máis estudos demostran as vantaxes da música na educación” e recordou que “moitos músicos dedican parte do seu tempo ao ensino da música e grazas ao seu esforzo, escasamente apoiado desde as institucións, están indo cara adiante agrupacións musicais cada vez de máis calidade”. Apelou tamén á necesidade de contar cos medios de comunicación como cómplices na difusion da música galega; e destacou “a presenza cada vez maior das mulleres, non só como cantantes -onde sempre arrasaron- senón tamén como instrumentistas ou compositoras”.  

Por último, recordou a preocupación de MAV respecto ao peche de locais con programación musical “por problemas derivados da inexistencia dunha lei de espectáculos que regule e protexa debidamente a actividade da música ao vivo, unha lei que debería servir tamén de estímulo e apoio e que debe ser redactada coa participación deste colectivo para que sexa realmente útil e duradeira”.

Comentarios