Guadi Galego volve coas “lúas de outubro e agosto”

“lúas de outubro e agosto” é o segundo disco en solitario de Guadi Galego, o seu traballo máis persoal que sae publicado este 25 de novembro. O semanario Sermos Galiza publicará unha entrevista coa autora. 

Guadi Galego
photo_camera Guadi Galego

Trátase do traballo máis persoal de Guadi Galego, autora da maior parte da música e a letra do seu segundo disco lúas de outubro e agosto (Fol Música). Guadi Galego publica un novo traballo en solitario despois de que asinara aquel Benzón de 2009. 

Cun son máis pop, aínda que conserva o arrecendo do tradicional, o novo traballo de e Guadi Galego ten o seu cerne nas emocións e nas experiencias das mulleres. O grande suceso do videoclip “Matriarcas” -máis de 20.000 visitas en dous días- adiviña o agardada que é esta nova aposta dunha música que participou en proxectos colectivos como Berrogüetto,  Nordestinas, Espido ou aCadaCanto. 

Para o novo traballo, Guadi Galego contou co acordeón de Santi Cribeiro, os clarinetes de Pablo Pascual e a guitarra eléctrica de Karlos Abal. Lúas de outubro e agosto levan, segundo se le no libreto que acompaña o disco “estopa na urdime, farrapos na trama, pasadas de la e a eternidade da arte popular”, referíndose á textura do cobertor que ilustra a portada e que se atopa nos fondos do Museo do Pobo Galego. 

Comentarios