Guadi Galego premiada pola diversidade

O pasado 20 de novembro, os gobernos do Estado con linguas propias facían público en Bilbo a súa decisión de conceder a Guadi Galego o premio á Promoción da Realidade Plurilingüe.
guadi galego immersión
photo_camera guadi galego immersión

Guadi Galego recolle hoxe en Madrid o Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe do Estado Español, un galardón outorgado polos gobernos de Nafarroa, Valencia, Galiza, Catalunya, Euskadi e Illes Balears. A entrega foi programada na véspera do Día Internacional da Lingua Materna, proclamado pola Unesco, que este ano se celebra co lema "Idiomas sen fronteiras" para resaltar o valor das linguas que son á vez locais e transfronteirizas.

Trátase da primeira conmemoración conxunta destes gobernos, que para alén do acto axendaron un concerto da artista galega, no que estará acompañada das colaboradoras Mikel Urdangarin, Alidé Sans, Clara Peya, Silvia Quesada, Alfredo González, Vega, Javier Otero e Álex Ínsua nos Cines Callao de Madrid.

Este recoñecemento nace coa vontade de destacar o labor de persoas, entidades ou empresas na defensa e promoción da diversidade lingüística. Desde a súa creación en 2008, foi outorgado a empresas como Microsoft ou Eroski, sendo esta edición a primeira que se concede a unha persoa a título individual.

O premio, unha distinción honorífica sen contía económica, consiste nesta ocasión nunha escultura de Monique Bastiaans que representa un ramo de flores, en referencia á Árbore das Linguas (l'Arbre de les Llengües), na que cada flor é diferente. Así, a peza simboliza a "convivencia en harmonía e diversidade".

A colaboración como chave

O galardón xorde no marco dun protocolo de colaboración en materia de política lingüística, asinado en 2007 pola Xunta, a Generalitat e o Goberno Vasco, ao que logo se sumaron os demais organismos. O acordo persegue unir forzas para promover medidas e accións normativas para o uso das linguas oficiais distintas do castelán nas institucións.

Un universo persoal e multilingüe

Guadi Galego declaraba a Nós Diario que este premio é "o máis importante que me concederon nunca", polo que implica en relación coa súa maneira de concibir a música e a realidade, sempre desde a diversidade. De facto, o galardón non recoñece só o disco como resultado, senón todo o proceso que agocha detrás. Trátase dese contexto de creación conxunta, que levou a cabo a artista na súa particular Immersion, cantando temas vellos en sete linguas distintas: galego, euskera, catalán, aranés, astur, portugués e castelán.

As colaboracións con 17 artistas levárona das "Fronteres" de Judit Neddermann e Clara Peya, á "Cedeira" compartida con Iván Ferreiro, pasando polo "Sen remordementos" con Xabier Díaz ou "Vas Entá Tú" con Alidé Sans. Toda unha aventura creativa que se insire no seu afastamento premeditado das etiquetas, na procura dunha música na que a identidade e o respecto son bandeira dunha personalidade única. Este universo íntimo e arriscado foi producido pola propia artista xunto a Vic Moliner, Carlos Abal e Pau Brugada

Comentarios