Caderno de Verán

Guadi Galego: "O novo disco, máis fresco, sairá en decembro"

Guadi Galego comezou a súa traxectoria musical en 1997 coa banda Berrogüetto, desde entón formou parte de proxectos coma Espido, Nordestin@s ou aCadaCanto. No 2009 sacou ao mercado o seu primeiro disco 'Benzón' ao que seguiron 3 traballos máis e un disco recompilatorio, 'Inmersión', co que xira neste 2020 polo que recibiu o Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe do Estado.
GUADI GALEGO_IMMERSION promo2 ©Carlos Abal
photo_camera Guadi Galego fotografada por Carlos Abal

—Como se lle está a presentar o verán no que a traballo se refire?
En marzo, había moitos concertos previstos, parecía que ía vir un verán moi bo. No momento Covid-19 pensamos que non iamos a dar unha nota e sorprendentemente, no noso caso, estamos tocando, algo de traballo hai, eu non teño ningunha queixa.  Agora teño confirmados os concertos de agosto e teño en setembro e outubro aínda sen confirmar e sabendo que poden caer. 

—Cal é agora a súa sensación durante un concerto?
É coma unha falla de liberdade. A xente non se pode por de pé, practicamente non lles ves a cara... E hai que levar o protocolo moi aprendido porque as medidas son moi estritas. 

—Xurdiron proxectos novos durante o confinamento?
No confinamento pasei varias fases. A de estar criando a tope, sen facer outra cousa, e despois, cara ao final, empecei a traballar bastante e o resultado é un disco practicamente feito. 

—Que pode contarnos del?
É un disco que mestura músicas populares e músicas de autora. Un disco máis fresco, penso, que versa sobre as miñas vivencias. Está gravado en Cataluña, viaxei alí cando se puido, e está xa medio feito. Acabarei esta xira en outubro e o disco sairá en novembro-decembro e supoño que non empezaremos a xira antes de marzo, así que teremos uns 5 meses de parada para cargar motores. O disco sabemos que vai saír pero dos directos só se sabe que hai que ir sobre a marcha. 

Hai moita música no país, temos un potencial brutal 


—Como valora a situación no sector cultural?
Hai un ánimo de programar. Por primeira vez teño a sensación de que non estamos a pagar o pato, pagámolo en proporción a outros sectores. Non estamos deixando que isto nos afunda. E tamén creo que as administracións se deron conta de que este sector é importante para o país, programouse música do país, optouse por intentar que a xente do país non quedara sen traballo. Tamén é máis fácil pola mobilidade e porque hai moita música no país, temos un potencial brutal e quero pensar hai xente que tivo sorte e que vai ter o seu momento e así debe ser. Outra xente sairá máis prexudicada. Con todo, hai que aproveitar para dar un pau na mesa e dicir, estamos aquí, somos fortes, temos calidade, sabemos facer o noso traballo e queremos facelo. 

CALENDARIO
Rábade: 14 de agosto / praza de España / 22.30 h
Vilagarcía: 21 de agosto / parque da Xunqueira / 22.00h 
Negreira: 22 de agosto / praza das Brañas / 20.00 h
Noia: 25 de agosto / praza do Tapal / 21.00 h

Comentarios