Guadi Galego, Nao e Os Amigos dos Músicos, no cartaz do Festigal 2017

festiga 2017

Guadi Galego, Nao, Raiba, Os Amigos dos Músicos e Son da Rúa son algúns dos protagonistas desta XVI edición do Festigal, e que actuarán na véspera do Día da Patria en Compostela. En palabras de Guadi Galego, o Festigal “reivindica un país normalizado neste espazo político, social, musical e cultural” e representa “a ilusión dun país que quere chegar a ser algo máis”.

Tania Ameneiro, da Fundación Galiza Sempre, que organiza canda Galiza Nova este evento, agradeceu o voluntariado que traballa na organización do Festigal e o autor do cartaz deste ano, Leandro Lamas. “Un pintor de referencia que fixo esta serea que está no mar, dende o seu país e coa forza e valentía da estrela que ergue na man, como quere transmitir o Festigal, nun país de artistas e creadoras”, explicou.

A xornada do 24 comeza cunha sesión de DJ con Bigote Mix; Son da Rúa, os gañadores do concurso “Novos Valores”; Os Amigos dos Músicos; Guadi Galego; Nao como banda de referencia do rock galego e Raiba que traerá o seu último disco “Marxinación”.

Alberte Fernández, de Galiza Nova, lembrou que “o Festigal ponse en marcha grazas a 200 persoas voluntarias que fan posíbel este evento que cumpre 15 anos, dispostas a traballaren na organización dun cento de actividades para festexar o Día da Patria Galega”.

Pola súa parte, Lucía López Sobrado presentou os actos previstos para o 25 de xullo nunha aposta en feminino no café concerto cunha exhibición de regueifeiras por cortesía da asociación Oral. O punto máis cómico e desenfadado virá da man de Isabel Risco, co seu espectáculo Nabiza Girl. No apartado musical, o público poderá descubrir o proxecto de Áureas “En Voga”, o que será un concerto-espectáculo “co que viaxaremos ás músicas dos anos 20”. Rematará coas potentes voces das Tanxugueiras, chegadas desde a zona de Teo e da Barbanza e que son xa un dos grupos revelación da música tradicional galega.

O progtrama contempla unha manchea de eventos deportivos, postos de artesanía, o espazo infantil con propostas culturais para os máis cativos, un espazo de venda de libro con variedade de editoras e librarías galegas e unha completa Galería das Letras e das Ideas nas que con palestras sobre temas de actualidade política e social e un grande abano de libros a presentar.

“O Festigal é un escaparate da cultura feita desde Galiza e en galego, que conxuga e beleza e o poder da tradición coa modernidade máis punteira e amosa que queremos estar no mundo en pé de igualdade con outras nacións e que temos talento a esgalla”, concluíu Lucía López.

Comentarios