O Centro de Formación e Recursos de Ferrol argallou un curso chamado "O coro escolar como actividade integradora" para estimular a creación de coros escolares a partir do repertorio de músicos galegos actuais. E a partir de aí a cousa rematou con Guadi Galego cantando nunha nave de Navantia acompañada de Guillerme Fernández á guitarra, e máis de mil rapaces e rapazas nas voces, dirixidos por Ramón Bermejo, director tamén do coñecido Coro da Rá.
O tema é "Chea de vida", do seu anterior disco, 'Luas de outubro e novembro', composto por Pachi García. A propia artista amosábase emocionada nas redes sociais ao presentar o vídeo: "Así foi como Cheas de vida tomamos Navantia... Unha experiencia alucinante para min,como artista e como mestra".
"É unha experiencia moi valente e moi necesaria para todo o que ten que ver coa educación", defendeu a propia Guadi. "Sobre todo cando se está a traballando o canto coral, que ten moito que ver coa música e con outras actividades artísticas que desde a educación debemos fomentar porque é a base fundamental para o traballo emocional, que é o que nos falta na docencia".
No mesmo sentido ían as palabras de Guillerme Fernández: "É unha iniciativa marabillosa para achegarlle a música do país aos nenos, de vivir a música de perto cos propios artistas, eu penso que esta vai ser unha iniciativa moi envexada por moitos mestres de moitos lugares do país e espero que se reproduza noutros sitios con outros nenos e con outros artistas".