Grial visita as relacións de Camus con Galiza

Que papel tivo María Casares na relación con Camus e Galiza? Que hai de Camus na obra de Casares ou Camilo Gonsar? Como se xestou a tradución da obra do autor de O estranxeiro ao galego? Miraba para París a Nova Narrativa Galega? Estas e outras cuestións trátanse no número 205 da revista Grial na que se of5rece un monográfico arredor da relación entre o intelectual francés e Galiza. 

camusmariacasares

Albert Camus está singularmente traducido ao galego. En 1987 vía a luz Os xustos en versión e Xosé Manuel Beiras, á esa inicial achega sumaríanse O estranxeiro por Valentín Arias, A caída por María Dolores Cabrera ou o Calígula e o Malentendido por Inma López Silva, entre outros textos. A presenza da obra de Camus na nosa lingua pode explicarse, en certa medida, pola relación que o intelectual francés tivo con Galiza e que responde, en especial, a dous eixos centrais, por unha parte a relación biográfica e creativa que estableceu coa actriz galega María Casares, grande nome do teatro francés no seu longo exilio e filla de Santiago Casares Quiroga, e, pola outra, á forte influencia que tivo na literatura galega en nomes como Carlos Casares, Camilo Gonsar ou todo o que se deu en chamar Nova Narrativa Galega, tan vencellada ao grupo Galaxia que agora revisa a figura do autor. 

María Lopo, Manuel Forcadela, Andrés Torres Queiruga, Damián Villalaín e Carlos Fernández son autores dos distintos traballos recollidos no monográfico do novo Grial coordinado por Dolores Vilavedra arredor do intelectual francés, algúns deles xa participantes na xornada do Consello da Cultura que no pasado mes de decembro visitou a figura de Camus. Naquel encontro, participantes como o escritor Bieito Iglesias acusou a rixidez do franquismo dos anos cincuenta á pouca influencia que o escritor e filósofo francés tivo na cultura galega. 

Galaxia disponibiliza na rede o artigo de María Lopo, “A Galicia de Camus”, no que a autora parte da idea de que “A relación persoal que María Casares e Albert Camus mantiveron ao longo de quince anos non modificou tan só as súas vidas privadas, senón tamén, por suposto, os universos creativos de dúas importantes personalidades culturais da Francia do século XX”. 

Comentarios