Grial Montes, actriz, interpreta a Sara na obra de teatro 'Cariño'

Grial Montes: "Non existe un teatro para adolescentes, obras para eles e elas; e quería facer algo así"

Ao longo desta fin de semana, a sala Ártika de Vigo acollerá a estrea da obra 'Cariño', primeira produción da compañía de teatro Vaiembora. A peza conta coa interpretación de Grial Montes, actriz protagonista do filme Maria Solinha de Ignacio Vilar.
A actriz protagonizou o filme 'María Solinha', de Ignacio Vilar. (Foto: Valembora)
photo_camera A actriz protagonizou o filme 'María Solinha', de Ignacio Vilar. (Foto: Vaiembora)

Sobre que versa Cariño?

En Cariño fálase da historia de Sara, que parte dun relato real da terceira edición de Invisibles, de Montse Fajardo. Fala do maltrato e da violencia de xénero, mais na idade adolescente. Está un pouco ficcionada, pero céntrase nese maltrato silencios que habitualmente nunca somos quen de ver e que non sabemos detectar, como ningún maltrato en xeral. Con 16 ou 17 anos pensas que é amor, pero agora identifícalo como control e abuso.

Por que esa temática?

A verdade é que é un tema que a min, que foi á que se lle veu á cabeza facer este relato, sempre foi unha cuestión que me chamou moito a atención. Entre os 13 e os 19 aproximadamente estás rachando un pouco ese vínculo familiar para crealo de novo, deconstruíndote a ti mesma para crearte doutro xeito. Xusto nese momento é no que entran en xogo moitos referentes e información que  xeran en ti unhas expectativas que, cando vas medrando, ves que non son reais, senón que só che fixeron dano. 

Creo que esa concepción do amor que chega a nós dende o berce é un amor tóxico, dependente e de prohibición (en xeral), non de liberdade. Sempre foi algo que me espertou interese e creo que se vive moito entre adolescentes e xente da miña idade.

Esta peza é a primeira produción de Vaiembora teatro. Como xorde esta iniciativa? 

Ao meu parecer, non existe un teatro feito integramente para adolescentes, obras para elas e eles. Eu quería facer algo así, porque ao final é o público do teatro do futuro e non destinamos o noso tempo en facer algo para que lles guste. Pode que logo non lles guste, pero polo menos está pensado para eles. 

Vaiembora xorde como un laboratorio de creación. Foi a miña inquietude como parte do equipo e a miña necesidade á hora de crear algo.

Cada un ten as súas propias necesidades, xorde un pouco para estar xuntas nun proceso de creación, nun laboratorio artístico. Buscar xogos e darnos cabida, dalgún xeito, á xente moza no sistema teatral galego. Ao final é como darnos traballo a nós mesmos. Se neste momento non nos aventuramos a probar cousas novas, vai chegar un punto no que non nos imos atrever.

En xuño do 2020 estreouse María Solinha, filme do que foi protagonista. Como foi esa experiencia?

Foi a miña primeira vez como protagonista, no cine, e no mundo audiovisual en xeral e foi unha grande experiencia. Aprendín moito das miñas compañeiras, había un elenco artístico e técnico incríbel. Foi unha experiencia marabillosa e que sempre levarei no corazón.

Compartir pantalla con Laura Míguez, Mabel Rivera, Santi Prego, 'Morris', Sheyla Fariña, que levan tantos anos no sector, foi unha pasada. 

Cales son os seus plans para o futuro?

É unha pregunta complexa. Non podería dar unha respostas, porque agora mesmo gustaríame moito xirar con esta peza, ir por institutos, poder traballar a temática desta peza con xente e recibir un feedback directo. O meu plan de futuro está definido a moi curto prazo, porque está moi reservado a Cariño. Non teño moi claro que virá despois, dediquei tantas horas da miña vida a esta peza e a produción deste espectáculo que non sabería que dicir. Agora comecei a traballar con outra axencia de representación, ca cal estou moi contenta e espero que pouco a pouco vaian chegando máis proxectos aos que dedicarlle tempo.

Como ve o panorama teatral galego actualmente?

Non o teño moi claro. Aínda estou dando un primeiro paso na escena galega, pero creo que, sendo sincera, é un pouco como todo. Seguro que hai cousas moi ben feitas e outras que non tanto. Se entramos Vaiembora nese panorama escénico, o que tentaremos facer será reforzar o bo e intentar traballar para mellorar o malo.

Comentarios