Gregory Porter, a voz do jazz que se achega ao pop, en Pontevedra

Esta noite o Festival de Jazz de Pontevedra traénos outra alfaia: Gregory Porter, unha das voces máis destacadas do jazz e do soul internacional que está a colleitar un grande éxito en Estados Unidos e Gran Bretaña.

gregory
photo_camera Gregory Porter

Este cantor e compositor nado en Sacramento é a última revelación do jazz e do soul, achegándose xa á audiencias do pop e sen caer -aínda- nos vieiros máis doados seguidos por artistas como Jamie Cullum ou Michel Bublé. 

O seu terceiro álbum, 'Liquid spirit', chegou a disco de ouro no Reino Unido e xa se convertiu no álbum de jazz máis escoitado nos servizos de streaming da historia. Gregory Porter está considerado actualmente como o máis destacado vocalista e compositor jazz/soul da súa xeración: o número un dos cantantes masculinos de jazz nos rankings da prestixiosa publicación especializada DownBeat.

A súa carreira fraguose a un ritmo lento. Non foi até 2004 cando se trasladou a Nova York. Alí empezou a cantar todas as noites nun local do que era propietario o seu irmán Lloyd. Os seus impresionantes dotes vocais pronto lle abriron as portas doutros clubs en Brooklyn e en Harlem. En 2010 fichou polo selo Motema, co que editou dous discos: 'Water' (2010) e 'Be Good' (2012). E tamén conseguiu atraer a atención de Wynton Marsalis, quen o seleccionou para unha residencia no Lincoln Centre. 

Xa en 2013 foi contratado por Blue Note Records, e ese mesmo ano publicou o disco que o lanzou definitivamente á fama: 'Liquid Spirit', un álbum que foi galardoado en 2014 co Grammy á mellor gravación vocal de jazz. O pasado ano publicou o seu cuarto álbum en solitario, titulado 'Take me to the Alley', que novamente foi premiado co Grammy.

Gregory Porter asombra pola súa impoñente presenza física no escenario, onde desprega un carisma moi especial. A súa altura e corpulencia, o seu permanente sorriso e a súa característica gorra, que empezou a usar para disimular algunhas cicatrices cirúrxicas, pero que decidiu seguir utilizando precisamente por conferirlle un aspecto plenamente recoñecible, dótano dun aura única. Con todo, é o seu río de voz o que acaba abraiando ao espectador.

Comentarios