Grande suceso de público nun Armadiña Rock con espazo para o debate 

Música ao vivo con miles de persoas na Praza da Chousa, un sinfín de actividades e até un espazo para a reflexión sobre o presente e o futuro do rock galego. O Armadiña Rock —que comezou a sexta feira e conclúe este domingo— salda con grande suceso a súa décima edición.

DSC_0530
photo_camera Un momento do evento

A Banda da Loba, O Sonoro Maxín, Amparanoia, a Banda Xangai —o novo combo liderado por Xurxo Souto—, Terbutalina e Zënzar puxeron en pé a ateigada Parza da Chousa, o corazón de Combarro, no megaconcerto deste sábado noite que puña virtualmente o ramo ao evento. A festa, que convocou arredor de 7.500 persoas, durou até altas horas da madrugada. Amparanoia cumpriu sobexamente co seu rol de imán do cartaz do festival, a Banda Xangai recriou o himno do Armadiña —facturado sobre a base do Highway to hell dos AC/DC- e Terbutalina compareceu no palco por volta das 2.30 horas xa do domingo para abanear a noite cos temas que todo o mundo agarda deles, desde "Ninguén che quere" a "Al otomano se le va la mano".

Músicas e músicos non só tocaron e cantaron. Tamén debateron nun coloquio sobre o futuro do rock galego. Nel tomaron a palabra Laura Romero (Zënzar), Miguel Cernadas (Terbutalina), Ico (O Sonoro Maxín), Xosé Antón Bocixa (Zënzar) e tamén Xurxo Souto (Banda Xangai).

Nun comunicado a organización quer expresar "todo o seu agradecemento ás bandas, que deron o mellor de si, aos festivaleiros, que encheron de vitalidade as calellas de Combarro durante o evento, e tamén á veciñanza, polo seu apoio e comprensión".
 

Comentarios