martes 11/08/20
Un cómic de Cristian F. Caruncho

"Grandarroiba" ou o rural máis íntimo

O debuxante de banda deseñada Cristian F. Caruncho publica o seu primeiro traballo longo con Demo editora. Chámase Grandarroiba e capta a alma do rural galego que habita no imaxinario do creador.
Cristian F. Caruncho
Cristian F. Caruncho

Capa de «Grandarroiba» (Demo editora)Cristian F. Caruncho é coñecido entre o público dos festivais galegos como vendedor de banda deseñada, autoeditada por el. Esta semana, o seu primeiro cómic longo, Grandarroiba, chega ao xeral das librarías galegas baixo o selo Demo editora, coa que xa publicara na antoloxía Licor Café, libro colectivo no que colaboraban 13 novos creadores da banda deseñada galega.

Imbuído por total liberdade creativa, o guión inicial de Grandarroiba foi medrando das 15 páxinas pensadas até as 56 que finalmente tivo. O libro segue a traxectoria dun home que vive no profundo da montaña, na parroquia do Couzadoiro (Ortigueira), da que Caruncho é natural. Desde os sete anos até os 50, mostra a relación desta solitaria personaxe coa veciñanza e a súa mudanza de personalidade, unha historia de marxinalidade que se cadra non lle é tan intrínseca.

David Rubín destaca a capacidade de Caruncho para falar «da Galiza esquecida ou autoesquecida»

O relato sérvelle ao ilustrador para recrearse no entorno e mostrar a contorna da súa comarca. «Pero non en modo turista», brinca, «senón as paisaxes, abertas, como nun western». Iso mesmo destaca o recoñecido debuxante David Rubín no prólogo que escribe desde o exilio madrileño, a capacidade de Caruncho para falar «do noso, da Galiza esquecida ou autoesquecida, das aldeas, dos camiños, das leiras, da natureza, da fala, do xerme que nos fai ser e sentir galegos».

A vida na autoedición

Rubín coñeceu Caruncho cando este comezaba a facer cómics, por volta dos 13 ou 14 anos, que o cativo imprimía nunha tenda de fotocopias de Lugo, a prezo de estudante. O mozo ía despois vender a festivais e feiras, onde agora moitas veces «xa me chaman e me reservan todos os anos o mesmo sitio», conta o ilustrador.

O máis interesante deste modelo é que «chegas a un perfil diferente», afirma Caruncho

O seu obxectivo non era «gañar cartos, senón mostrar o teu traballo á xente», di. Neste senso, Caruncho apunta que estes espazos de venda directa son o seu verdadeiro mercado: «Un cómic nunha libraría non se vende tanto. Se vou a unha feira e a xente me coñece en persoa, ve como traballo e como debuxo, aí é onde máis se vende». Un público que, ademais, se volve fiel e acode ao seu posto buscando as novidades. Créase así un vínculo que logo pode manterse polas redes sociais.

O máis interesante deste modelo é que «chegas a un perfil diferente», afirma. Este ano, por exemplo, sacou Dorotea, un fanzine de 10 páxinas. As quintas feiras, cando lle ía botar unha man a seu irmán no posto de verduras, conta Caruncho que «tiñamos unha caixa no medio cos exemplares. Cómics e verduras do Couzadoiro». Na feira accede a un público ao que doutro xeito a banda deseñada dificilmente chegaría: «Mercábame unha señora de 80 anos e despois volvía coas súas amigas».

Na feira accede a un público ao que doutro xeito a banda deseñada dificilmente chegaría

Futuros proxectos

O sábado 7 de decembro ás 19 horas preséntase no teleclube de Couzadoiro, nas que se anuncian como «grandes festas de Grandarroiba». Entrementes, Caruncho xa está coas mans nun novo proxecto, do que aínda non pode dar moitos detalles. Porén, a fase de documentación lévao á Costa da Morte, o que nos adianta cando menos o escenario. Este, apunta, «será un traballo a longo prazo, mínimo un ano, máis elaborado, igual a cor ou probando con acuarela». Mentres agardamos, sairán outros relatos breves aos que Caruncho nos ten afeitas.

comentarios