“O gran rexeitamento / Flores para Albert Ayler”, o novo traballo de Daniel Salgado

O poeta monterrosino apresenta a publicación esta sexta feira en Numax, Compostela

 

daniel salgado
photo_camera daniel salgado

A editorial  Apiario saca do prelo O gran rexeitamento/Flores para Albert Ayler, unha plaquette da autoría de Daniel Salgado. A obra será apresentada en Santiago de Compostela esta sexta feira 15 de decembro ás 20 horas, na libraría de NUMAX. O acto contará coa presenza da editora e poeta Antía Otero, ademais do crítico, investigador e membro do Cineclube Compostela, Julio Vilariño.

O laboratorio NUMAX foi o encargado do deseño da publicación, que formará parte da colección Cera de Abella. O autor, Daniel Salgado, é xornalista en Sermos Galiza. Licenciado en Ciencias da Comunicación e xa conta con outros poemarios como Éxodo (2006, Ed. Xerais), Os poemas de como se rompe todo (2007, Sotelo Blanco), Ruído de fondo (2012, Ed. Xerais), Dos tempos sombrizos (2013, Ed. Xerais) ou Ensaios (2015, Inés de Castro Edicións).

“Que había en Albert Ayler. Que transportaba. Por que a verdade estaba en marcha. A quen obedecía o ritmo. Como a historia se activa dentro da linguaxe. Xacobinos negros, acción das condenadas. O tempo non se mide co reloxo do home branco. O Gran Rexeitamento/Flores para Albert Ayler é unha ofrenda e unha ofensa, un asalto e o mito reducido a cinza. Catorce cantos sobre escravas en revolta, masas de ruído esnaquizado e unha pregaria.”