Un gran musical para o folclore galego

O vindeiro día 23, Quique Peón estreará Endaterra, un musical que percorre as diferentes manifestacións das tradicións a que rodean os Camiños Inglés e o de Muxía. Con máis de 80 persoas en escena, é probabelmente un dos máis grandes retos que enfronta nunha traxectoria ateigada deles.
Quique Peón reivindica en 'Endaterra' a variedade e riquezada tradición musical e coreográfica da Galiza.
photo_camera Quique Peón reivindica en 'Endaterra' a variedade e riquezada tradición musical e coreográfica da Galiza. (Foto: Con C de Comunicación)

Podería anunciarse como algunha daquelas grandes películas de Hollywood dos anos 60 que enumeraban o esforzo volcado na produción: máis de 80 artistas en escena, 30 pezas musicais, 15 parellas de baile, 15 vestiarios diferentes... Pero é moito máis. Quique Peón estreará Endaterra o vindeiro 23 de xullo, no Pavillón de Santa Comba, un musical que pretende mostrar o riquísimo patrimonio inmaterial que existe na Galiza a través da viaxe, cara ao ano 1900, dunha aristócrata londiniense de orixe escocesa polo Camiño Inglés, coa consabida coda até Muxía. 

"É unha animalada, pero ao mesmo tempo é algo marabilloso", di entre risas Quique Peón nunha conversa con Nós Diario. "Pór 80 persoas sobre un escenario é un reto moi complicado, pero a potencia do noso folclore é tan grande que paga a pena o esforzo".

Este é o segundo espectáculo que Peón constrúe arredor do Camiño de Santiago -despois de Camiño do Sul- e tamén, quizais, o máis ambicioso da súa carreira. "Eu fixen o camiño e foi unha experiencia que me deixou moi tocado e que merecía un impulso especial. Centrámonos no camiño inglés porque é un territorio cuxa tradición coñecemos moi ben. Despois de corenta anos de recollida, temos moitísimo material co que fomos confeccionando todo".

O principal e a base de todo son o baile e a música tradicionais, mais tamén hai un traballo moi coidado na banda sonora

O espectáculo estrutúrase como un musical clásico cuxo fío argumental vén dado pola peregrinación da aristócrata británica e a súa doncela galega, interpretadas polas actrices Lucía Veiga e Marita Martínez. Polo camiño, van atopando tradicións, músicas, vestiarios e bailes do país que as van engaiolando e animando a continuar a peregrinación até Muxía. 

"É un espectáculo que mestura varias artes. O principal e a base de todo son o baile e a música tradicionais, mais tamén hai un traballo moi coidado na banda sonora, que vai cambiando segundo as emocións que queremos transmitir en cada momento, e un traballo de imaxe de Antón Cabaleiro que documenta o camiño desde diversas perspectivas, o medio natural, a arquitectura popular, a paisaxe... Son 80 persoas en escena pero por atrás hai un traballo aínda maior", subliña. 

Un exemplo da ambición de Endaterra é o tratamento que recibe a música: "Está pensada desde o coral", explica Peón, "e vai percorrendo diferentes facetas da nosa tradición: as pandeireteiras, os grupos de gaitas, os pequenos grupos de metal que van aparecendo a comezos do século XX e mesmo os cantos de taberna que se acompañaban dun sinxelo acordeón. E todo resulta moi críbel: en escena conviven persoas de 16 e de 80 anos. É como unha expresión do espírito popular".

Unha tradición única 

Ese espírito popular que evoca Peón maniféstase en escenas que reconstrúen, por exemplo, unha saída de misa. E a súa forza é tan potente que apenas precisa da man do artista para resultar nun espectáculo de grande atractivo estético

"Nós facemos recollidas de bailes de aldea e, pondo un exemplo, unha das características máis interesantes do baile tradicional galego non reside exclusivamente nos movementos —que son moi elaborados— senón en que xa existe unha coreografía de conxunto, en que todos os bailaríns que participaban na danza se desprazaban sincronizados. Esta é unha característica nosa que non se dá en ningún outro lugar da península Ibérica. E quere dicir que non precisamos dun coreógrafo que mova o corpo de baile, que simplemente pegándonos á tradición xa temos unha coreografía completa". 

Esta reivindicación e revalorización da tradición popular será trasladada á escena polo Grupo de Música e Baile Tradicional Xacarandaina —os colaboradores habituais de Peón— coa axuda de Os do Fondo da Barra, formación especializada nos cantos de taberna. 

Riqueza e variedade

Ás dificultades propias dun espectáculo desta envergadura, houbo que sumarlle as derivadas da pandemia. "Comezamos a elaborar Endaterra xusto antes de que aparecese a Covid, e todo o proceso de ensaios complicouse moitísimo, aínda que, finalmente, demos aquelado e creo que quedou unha obra moi interesante", relata. 

Endaterra preséntase, ademais, como un espectáculo que acaba por darlle unidade aos dous camiños polos que transita, o Camiño Inglés e o Camiño a Fisterra-Muxía, mostrando, a partir do recollido nos dezaoito concellos polos que pasan estas rutas, a riqueza e variedade do patrimonio galego. "Penso que é necesario poñer en valor este inmenso tesouro que temos entre mans. Precisamos crer máis no que temos", sentenza Peón.

Comentarios