Cultura

A "gran festa da música" será o 21 de outubro

A gala dos premios Martin Códax xa ten data
As Tanxugueiras no Hotel Costa Vella (Irene Pin)
photo_camera As Tanxugueiras no Hotel Costa Vella (Irene Pin)

A Asociación Músicas ao Vivo, organizadora dos Premios Martín Códax da Música, vén de anunciar a nova data para a celebración da súa gala anual, na que se coñecerán os proxectos premiados da sétima edición dos galardóns. Será o 21 de outubro no Pazo da Cultura de Pontevedra, sempre que as condicións sociosanitarias pola COVID-19 o permitan.

Malia as dificultades provocadas pola pandemia, que obrigaron sobre todo a retocar o calendario, Manuel Alonso, xerente da rede, sinala a Nós Diario que fixeron un esforzo por conservar aqueles elementos que puideron. De tal maneira, mantiveron os prazos de inscrición ou de votación do xurado e das socias. O que si houbo que mudar foron as celebracións da festa de finalistas e da gala dos premios, prevista agora para outubro, pero coa vista posta no devir dos acontecementos.

"Non podemos garantir que se celebre ao 100%", advirte Alonso, mais desde Músicas ao Vivo traballan procurando que sexa posíbel se as circunstancias o permiten. Os premios que se entregan son as Melómanas, esculturas realizadas por Víctor Lorenzo, igual que en anos anteriores,  que caerán en mans dos proxectos escollidos nas 20 categorías e que xa son todo un elemento identitario dos Premios.

Malia as dificultades, desde a organización salientan que a edición gozou de resultados positivos, co maior número de inscricións rexistradas na historia dos premios, cun total de 577 candidaturas, ou a concesión do Premio Honorífico a unha muller cunha destacábel traxectoria artística como é a cantautora María Manuela.

Incertezas de cara aos bolos de verán e outono

A incerteza domina o horizonte das profesionais do sector musical, como acontece co eido cultural en xeral. Fóra das aperturas de prazos para compor os calendarios da Rede Galega de Teatros e Auditorios e da de Salas, ou do ciclo Galicia emerxe, están á agarda de saber que vai acontecer coa programación das Administracións públicas, que son un dos principais contratantes."Moitas redes están adiando para despois do verán, coa incerteza do que pode pasar se hai algún rebrote", explica Alonso. Doutra banda, tamén teñen a vista posta en como funciona o verán, que é a "tempada alta" para as músicas, grazas á que poden vivir o resto do ano. 

Comentarios