Poetas da Mariña e do occidente de Asturias

'Goxo de pano fino', o ciclo de creación lírica e audiovisual

A área de Cultura da Deputación de Lugo promove, desde hoxe, o ciclo de poesía multidisciplinar "Goxo de pano fino", dirixido polas artistas Ugía Pedreira e Marina Oural e que reúne doce creadoras e creadores da Mariña e mais do Occidente asturiano.
pedreiraoural
photo_camera Ugía Pedreira e Marina Oural, artífices de 'Goxo de pano fino'. (Foto: Nós Diario)

"Goxo de pano fino" é un proxecto que inclúe 12 pezas audiovisuais nas que os e as artistas se expresan a través da palabra, sexa esta escrita, declamada, improvisada ou rapeada desde o “refuxio creativo” de cada creadora e de cada creador. 

Así, ás voces poéticas de Ugía Pedreira, desde Vilavedelle, en Castropol, e de Marina Oural, en Alaxe, no lucense Val da Lourenzá, súmanse as de Quique Roxíos, Eloy Couceiro, Emilio López, Olalla Cociña, Moisés Cima, Vanina Bailone,  Miguel Rodríguez Monteavaro, Eva Rosado, Alejandro Fernández e Kiko Poe.

“O fío conductor do ciclo é unha liña de pensamento entre o íntimo do individuo que se engarza coa sociedade actual, convertendo o verso en patrimonio contemporáneo vivo desde a expresión popular e o espazo natural”, explican as artífices deste evento en liña.

“As creacións no goxo randean coa investigación da arte vinculada ao espazo físico rural, a un arquipélago diverso da poesía, ao corpo social, ao legado e ao compromiso cultural coas marxes que se tocan”, explica Ugía Pedreira sobre o proxecto, que naceu, di, “na incerteza da pandemia mundial”.

As e os artistas expresaranse desde a comarca que habitan. E así, desde a Mariña porán voz, ademais de Marina Oural, Emilio López, na Escabelada da Lourenzá, e mais Olalla Cociña, desde Xove.

Na parte occidental asturiana rimarán, ademais de Ugía Pedreira; Quique Roxíos, Miguel Rodríguez e Kiko Poe, desde Bual; Eloy Couceiro e Alejandro Fernández, en El Franco; Moisés Cima, en Cuaña; Vanina Bailone, desde Tapia de Casariego, e Eva Rosado, en Castropol.

As pezas, cuxa montaxe é responsabilidade de Eloy Couceiro e na que a produción executiva vai da man de Mialma Produciois, vanse difundir a través de YouTube e das canles da Vicepresidencia da Deputación.

Ao remate do ciclo, remitiranse a centros de ensino e culturais, salas de exposicións, bibliotecas e mais aos concellos nos que foron gravadas cada unha das intervencións artísticas.

Comentarios