Goretti Sanmartín presenta unha proposta á USC para conmemorar os 100 anos do Seminario de Estudos Galegos

A proposta do BNG santiagués avoga pola elaboración dunha programación específica sobre o centenario do SEG.
Goretti Sanmartín e Antonio López. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Goretti Sanmartín e Antonio López. (Foto: Nós Diario)

A portavoz municipal do BNG de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, presentoulle unha proposta ao reitor da Universidade de Santiago (USC), Antonio López, para conmemorar o vindeiro 2023 o centenario da fundación do Seminario de Estudos Galegos (SEG).

O BNG, que levará esta iniciativa no pleno do Concello compostelán, subliña que o SEG foi “unha institución que quixo pór en valor todos os aspectos da cultura galega que estaban ausentes dos estudos universitarios e, realmente, a conformación dun grupo ao que se van unindo a intelectualidade galega, as Irmandades da Fala e a Xeración Nós; as persoas creadoras do ensaio en lingua galega cunha investigación de alto nivel”.

“Hai 100 anos que a cidade de Santiago de Compostela, sede do Seminario de Estudos Galegos, era tamén sede da capital científica dunha Galiza con futuro representada nesa xeración de profesorado e de universitarios e universitarias que iniciaron novas liñas de investigación sobre o país e desde o país”, indicou Sanmartín.

Segundo explicou a portavoz municipal nacionalista, “hai que aproveitar este momento para dar a coñecer o papel das investigadoras que formaron parte do SEG, pioneiras na ciencia en Galiza como Dolores Lorenzo Salgado, Amparo Aranga, Encarnación Fraga, Luísa Cuesta, Xosefa Iglesias Vilarelle, María Corredoira, Sara Leirós ou Pura Lorenzana e visibilizar o testemuño de mulleres desa época como Olimpia Valencia ou María Tobío”.

Proposta do BNG de Santiago

A proposta do BNG santiagués avoga pola elaboración dunha programación específica sobre o centenario do Seminario de Estudos Galegos e a súa relevancia como institución impulsora dos estudos científicos e da investigación na Galiza.

Ademais, os nacionalistas propoñen que o Concello de Santiago colabore e apoie aquelas iniciativas que xurdan da base asociativa e cultural da cidade. Aposta tamén por crear un premio específico de investigación científica para novos grupos relacionados coa Galiza en calquera das disciplinas científicas.

O BNG busca que o Concello promova, coa implicación económica precisa, iniciativas investigadoras e artísticas como exposicións e rutas pola cidade de Compostela que singularicen o espazo e que o relacionen coa investigación científica, sinalando os lugares do saber e da ciencia relacionados co SEG.

“Trátase dunha iniciativa que debe ser consensuada en primeira instancia coa Universidade de Santiago de Compostela e tamén con outras institucións como o Museo do Pobo Galego e asociacións culturais para apoiar as propostas que xurdan para esta conmemoración e que se leve aos centros de ensino para dar a coñecer como merecen as figuras desta etapa da nosa historia”, concluíu Sanmartín.

Comentarios