Gonzalo Navaza ingresa a próxima semana na RAG como membro numerario

A entrada na Academia do filólogo e escritor oficializarase o próximo 5 de novembro coa lectura do discurso 'Nomes de persoa na toponimia de Lalín'.
O novo académico numerario da RAG, Gonzalo Navaza. (Foto: Miguel Grandío)
photo_camera O novo académico numerario da RAG, Gonzalo Navaza. (Foto: Miguel Grandío)

O filólogo e escritor Gonzalo Navaza ingresará o próximo 5 de novembro na Real Academia Galega como membro de número nunha sesión extraordinaria e pública que decorrerá no salón de actos da sede da RAG a partir das 12.30 horas.

No acto, o novo académico pronunciará un discurso titulado Nomes de persoa na toponimia de Lalín, centrado na súa terra natal desde unha perspectiva filolóxica e onomástica, ámbito no que é experto. A resposta daralla o coordinador do Seminario de Onomástica, Antón Santamarina.

Gonzalo Navaza ocupará a vacante producida polo falecemento en marzo de 2021 do historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández, presidente da RAG durante case unha década.

A RAG destaca nun comunicado que o novo académico é sobre todo coñecido polo gran público polo seu traballo literario. Como poeta conseguiu distintos premios como o da Crítica Española de poesía por Fábrica íntima (1991) e Libra (2000), recoñecido tamén co Martín Codax; e, como narrador, o San Clemente por Erros e Tánatos (1998).

Con todo, a Academia precisa que o tamén profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo é tamén "un destacado investigador" no campo da onomástica e traduciu clásicos do inglés e do francés ao galego. Desenvolveu, aliás, "un importante traballo" como coordinador e coautor de dicionarios.

Entre outros títulos, publicou Fitotoponimia galega (2006), obra que reúne preto de 8.000 nomes de lugar que se corresponden con 150 especies botánicas distintas e que foi galardoada co Premio de Investigación Losada Diéguez (2007); Toponimia de Catoira, Premio Lois Pena Novo (2008), e Os nomes dos concellos da provincia da Coruña (RAG, 2021). Gonzalo Navaza forma parte ademais do proxecto Dicionario de apelidos galegos.

Comentarios