Gonzalo Hermo gaña o Premio "Nacional" de Poesía xoven con 'Celebración'

"A literatura galega é de calidade e ten que voar soa", dixo a Sermos Gonzalo Hermo hai 9 meses cando apresentou Celebración. Voou tanto que acaba de gañar o Premio "Nacional" de Poesía xoven Miguel Hernández.

Gonzalo Hermo
photo_camera Gonzalo Hermo


O xuri considera que o mellor poemario composto en calquer das linguas do Estado en 2014 é Celebración, un libro editado por Apiario.

O premio -outorgado polo Ministerio de Cultura- está dotado con 20.000 euros. Hermo (Rianxo, 1987) é un dos valores emerxentes e de maior calidade da poesía galega.

Celebración é o segundo poemario de Hermo após o aparecimento en 2011 de Crac (Barbantesa), embora o autor considera aquel realmente como o seu primeiro traballo. "Crac é un libro iniciático, que todos os poetas escriben mais non todos publican. Responde a unha época de formación literaria. Non me arrepinto de telo publicado porque me trouxo moitas cousas boas, mais agora vexo que a miña liña poética está en Celebración", afirmaba nunha entrevista en Sermos Galiza asinada por Carme Vidal

Na conversa, Hermo definía así a súa liña poética: "Tentei facer unha poesía que dialogase consigo mesmo, que atraese os lectores a entrar nun universo particular (...) o obxectivo foi crear un mundo literario propio que procura a complicidade do lector".

Comentarios