Gonzalo Hermo estrearase en narrativa con 'Diario dun enterro', premio Repsol

“Sinxeleza estrutural” e “estilo deputado” son dúas da características que o xurado do Premio Narrativa Breve de Repsol salientou esta cuarta feira de Diario dun enterro. O seu autor é Gonzalo Hermo (Taragoña, Rianxo, 1987), quen até agora só publicara aclamados libros de poemas.
gonzalo hermo
photo_camera O escritor Gonzalo Hermo. Foto: editorial Galaxia.

Para o que será a súa estrea en narrativa, Hermo “afonda nun tema universal como son os rituais da morte e os seu impacto nos roles familiares”. “Debuxa un personaxe protagonista que asume unha oposición ás identidades tradicionalmente atribuídas á súa orixe”, engade o fallo, quen tamén menciona o equilibrio entre fondo e forma, a regularidade do edificio narrativo, a veracidade dos diálogos e a honestidade da mirada sobre os personaxes.

O xurado do galardón -convocado pola Fundación Repsol coa colaboración de Política Lingüística, a Academia, a AELG e Galaxia- conformárono as escritoras Anxos Sumai e Berta Dávila, o académico e dramaturgo Euloxio R. Ruibal, a profesora e crítica Dolores Vilavedra e o editor e escritor Carlos Lema. Dotado con 12.000 euros, Galaxia encargarase da publicación.

Gonzalo Hermo, filólogo e traballador do sector editorial, publicou as obras poéticas Crac (2011), Celebración (2014) -premio Nacional de Literatura de Poesía Nova do Ministerio de Cultura- e mais A vida salvaxe 2018).

Comentarios