O Goberno compostelán proporá chamarlle ao aeroporto Rosalía de Castro

Compostela Aberta levará mañá quinta feira a pleno do Concello unha moción na que insta ao Ministerio de Fomento e a Aena a incorporarlle o nome de Rosalía de Castro ao aeroporto de Lavacolla. 

aeroporto
photo_camera Aeroporto de Compostela

Segundo o Executivo compostelán, para esta proposta contan co apoio da Fundación Rosalía de Castro, o Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega. Trátase dunha petición, xa que o Concello non ten competencias para cambiar o nome do aeroporto, que recaen no Ministerio de Fomento e na compañía pública Aena.

O nome proposto sería 'Rosalía de Castro-Santiago Lavacolla'.Compostela Aberta agarda que o resto de grupos se sumen a esta iniciativa e que haxa "consenso social" para levar adiante esta nova denominación, "que nos gustaría que fose  xa efectiva para o vindeiro 24 de febreiro, Día de Rosalía", no que ademais se cumpren 180 anos do seu nacemento. 

Outros aeroportos con nomes de escritores son os de Santiago de Chile (Pablo Neruda), Granada (García Lorca) ou Jorge Amado (Ilheus). Outros moitos tamén teñen nomes de artistas, como Mar del Plata (Astor Piazzola), Málaga (Picasso), Rio de Janeiro (Antonio Carlos Jobim), Liverpool (John Lennon) ou Roma (Leonardo da Vinci).