Música

Ghaveta inunda co seu singular "folk de raíz" os torreiros da nova normalidade

O segundo disco do grupo viu a luz durante o confinamento, pero está a ter agora as súas presentacións nun contexto no que o público, por verlle algo positivo, semella estár aprendendo a escoitar.
Ghaveta explora o repertorio tradicional desde o formato dun cuarteto acústico.
photo_camera Ghaveta explora o repertorio tradicional desde o formato dun cuarteto acústico.

Se cadra desapercibido entre os días de confinamento, chegaba ao mercado o novo disco de Ghaveta, un LP que consitúe o segundo traballo deste cuarteto acústico formado por Diego Langarika (guitarra), Beatriz Martínez (arpa), Marta Matínez Valladares (bouzouki, pandeireta e voz) e Felipe Rodicio (violín). Logo de Disque (2015), a banda convida a percorrer a música galega desde o seu singular universo tímbrico.

A raíz do pensamento foi gravado prepandemia, alá por decembro, lembra Beatriz Martínez en conversa con Nós Diario. Foi un proceso bastante rápido, de tres ou catro días, aínda que quedaron detalles para facer máis adiante pouco a pouco. Se ben a intención era que vise a luz cara a comezos do ano 2020, os habituais atrasos que adoitan darse leváronos a marzo sen estrear, e daquela xa chegou o confinamento.

Con todo, Ghaveta tomou a decisión de publicar o disco de todos modos, aínda que sen as presentacións que normalmente teñen lugar cun lanzamento. Mais esa espiña estana a quitar estes días. O primeiro concerto da pequena xira do álbum foi no Aturuxo (Bueu) a mediados de agosto, e logo pasaron por Mondariz, Pontevedra e Mos.

"De momento nada máis, porque tiñamos outras datas da rede de salas pero agora está todo suspendido", indica Martínez, en referencia á polémica decisión da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) de cancelar todas as datas de agosto e setembro dos ciclos que dependen da Xunta.

Aprender a escoitar

Malia estaren xa preparadas para o shock, os concertos na "nova normalidade", seguindo os protocolos de seguridade, estanse a facer "un pouco duros", confesa a arpista, "para as dúas partes: as que escoitan e as que tocan".

Malia estaren xa preparadas para o shock, os concertos na "nova normalidade", seguindo os protocolos de seguridade, estanse a facer "un pouco duros", confesa a arpista, "para as dúas partes: as que escoitan e as que tocan"

Afeitas a ver o baile desde o palco, no torreiro, como resposta natural do seu espectáculo, o panorama é moi diferente co público sentado, que "sempre parece menos", comenta Martínez. Con todo, afirma que se senten "moi agradecidas coa xente que vén". E por verlle o lado positivo, a interprete valora que "nos estamos afacendo a ir a concertos e escoitar, que é algo que ás veces, non faciamos de todo, eu incluída".

Pensar desde a raíz

O título vén dunha copla, homónima, na que canta: "Non hai machada que corte/ a raíz do pensamento". Esta mensaxe pareceulles "moi intensa" e especialmente acaída, porque "se fala de pensamento en máis pezas" e a raíz, pola súa banda, ten moito que ver co propio estilo no que se insiren. "Aínda que sexa difícil, ás veces as cousas hai que situalas", admite Martínez, que colocaría Ghaveta coa etiqueta de "folk de raíz".

"Loxicamente, polo tipo de instrumentos que utilizamos non se pode considerar música tradicional, aínda que as pezas sexan todas dese repertorio", explica. As súas influencias son moi diversas e cada integrante do cuarteto ten as súas propias, pero partillan o interese polas sonoridades de Irlanda ou Escocia, así como outros lugares máis ao norte, como Suecia. E iso nótase nos arranxos: "copiamos un pouco aos grupos que nos gustan", aínda que sexa de forma inconsciente, admite. Pois como din por aí, a orixinalidade pura non existe, bebe sempre de moitas fontes.

Comentarios