NOVO DISCO O 23 DE ABRIL

Gelria: de Curros a Chus Pato en 14 cancións

O 23 de abril sae á venda o primeiro disco de Gelria, 'Cantos de poeta', que pon música aos versos de 14 poetas galegos nos que fai un percorrido pola historia da poesía galega contemporánea. 

gelria
photo_camera Gelria

Gelria (que tira o seu nome do barco holandés no que embarcou Manuel Antonio) lanzará á venda o próximo 23 de abril o seu primeiro traballo discográfico. Baixo o título Cantos de poeta, o álbum percorrerá a historia da poesía galega contemporánea, desde o Rexurdimento até a actualidade a través dos versos de catorce poetas aos que lles poñerán música. A banda –creada en 2014 por Elena Tarrats (voz), Mario G. Cortizo (percusión) e Federico Mosquera (piano)- estréase así cun proxecto que se presenta en formato de libro-disco acompañado de fotografías e ilustracións e no que, ademais, se incluirán as letras dos diferentes temas en galego, portugués, castelán e inglés. 

Cantos de poeta recolle un total de catorce poemas cuxa selección busca trazar un itinerario musical das diferentes etapas da poesía galega contemporánea, ademais de achegar unha radiografía -a través da música e dos versos- do imaxinario colectivo galego. 

De Curros a Chus Pato

Cantos de poeta é un disco ecléctico que posúe resonancias de diferentes estilos e xéneros -desde a música tradicional á contemporánea, pasando polo jazz- que propón un percorrido polas diferentes etapas da nosa historia poética. 
 
O camiño proposto por Gelria principia na época do Rexurdimento (poñéndolle música a Rosalía de Castro – Castellanos de Castilla- e Curros Enríquez –A nena na fonte-), e continúa aproximándose á lírica de vangardas (con poemas como Amenceu Bico ou onda o mar, de Álvaro Cunqueiro; Sós, de Manuel Antonio, ou Canzón para que un neno non durma, de Luís Pimentel) e á poesía de posguerra (versionando Eu quero oír o teu silencio, de Aquilino Iglesias Alvariño, ou Longa noite de pedra, de Celso Emilio). 


 
A antoloxía tamén se achega ao grupo Brais Pinto (Cantiga do amante preso, de Xosé Luis Méndez Ferrín ou O gato da tasca Mariñeira, de Bernardino Graña) e a poesía do autor de referencia das Irmandades da Fala, Ramón Cabanillas a través do seu poema Acción Gallega, prestándolle tamén a atención a poetas da Xeración dos 50 como son Luz Pozo Garza, co seu poema Far Blues; ao poeta da Terra Cha, Manuel María, a quen se lle dedica ás Letras Galegas deste 2016, co poema Zocas, e ao seu compañeiro de xeración Uxío Novoneyra, de quen se musica Cousos do lobo. O periplo remata cun Unha luz que se afasta e se nos dirixe, poema de 2013 de Chus Pato, unha das voces máis destacadas no panorama da lírica actual. 

Comentarios