Como adiantaba Pablo López nunha entrevista a Sermos Galiza, a partir de 17 de decembro, Boísimo contribuirá á divulgación da gastronomía galega como patrimonio inmaterial. O formato será o dunha revista dixital dentro da propia GCiencia, con destacado apoio da linguaxe audiovisual.
Para alén das seccións que atendan á cociña galega e as súas receitas, a plataforma porá o foco na Galiza como potencia en investigación, quer no eido do mar e da pesca, quer do coñecemento agroalimentario, con centros como o Instituto de Investigacións Mariñas, a Misión Biolóxica da Galiza ou o Centro de Investigacións Agroalimentarias de Mabegondo.
Boísimo pretende apostar por unha perspectiva de xénero que difunda o protagonismo das cociñeiras ou o papel do home na cociña doméstica. Atendendo á relevancia que o medio outorga á lingua, a sección Gastrocedario porá a proba o coñecemento do léxico propio da nosa gastronomía.
A liña editorial do novo portal conta co aval dun consello asesor formado por profesionais de prestixio, como Beatriz Sotelo e Iago Pazos no mundo da cociña, o realizador audiovisual Jorge Coira, a investigadora Elena Cartea, a nutricionista Amil López e o xornalista especializado Tomás Alonso
Varias estrelas Michelín participarán tamén en seccións fixas, ás que se sumarán o videoblog de Amil López Xantar Coherente, con consellos nutricionais, ou a serie Quilómetro Cero (#km.0), baseada no uso de produtos de proximidade.
Boísimo desenvolverá tamén accións conxuntas con outras entidades relacionadas coa economía, comezando polo Instituto Galego do Viño.