Crítica musical

Gatillazo: "Como converterse en nada"

Publicamos unha nova crítica musical de Isidro Rajo, que nesta ocasión debulla o novo traballo de Gatillazo, "Como converterse en nada".

Gatillazo

Se hai un personaxe imprescindíbel na historia do punk ese é Evaristo, quen fora vocalista de “La Polla Records” e actualmente alma e corazón de Gatillazo. E como se son dos que pensan que se as cousas fosen ben non habería novo disco de Gatillazo, chegou o seu novo traballo: “Como converterse en nada”.

A portada, na que aparece un home nun vertedoiro enriba dun ordenador e cunha televisión incrustada na cabeza, xa nos dá unha idea do que vai saír polos nosos altofalantes, 12 descargas contra a manipulación e o proceso de control da xente a través dos medios de comunicación e as novas tecnoloxías, que traballan ao servizo das grandes oligarquías. E digo 12 temas porque o corte 13, “Casi famosos” é un divertimento no que fala a propia banda e o corte de peche é unha adaptación instrumental do tema antimilitarista irlandés “Johnny I HardlyKnew Ye”, con sons guturais ao máis puro estilo militar de fondo.

Cada canción vai directamente ao fígado, describindo o mundo decadente que nos toca vivir, no que se bombardea no nome da democracia

A apertura co tema que lle dá nome ao álbum, que tamén foi elixido como single, métenos nunha espiral de punkrock na que, dende a primeira escoita, estamos cantando os retrousos como se os coñecésemos de toda a vida. Non son temas complicados nin virtuosos, mais tampouco os queremos. Cada canción vai directamente ao fígado, describindo o mundo decadente que nos toca vivir, no que se bombardea no nome da democracia  (El Poder Del Metal), no que nos contan mentiras sobre unha falsa transición que non foi máis que a continuidade do franquismo a través dun pacto de covardes e da traizón da esquerda (SKK) e no que os líderes relixiosos (Fóllate Al Líder), ou os falsos líderes que parecen xurdidos do pobo aínda que son monicreques creados polo poder, acougan as ansias de revolución do pobo, sumíndoo na frustración.

Resulta moi coñecido este mundo no que a corrupción podrece todo o que nos rodea (Podredumbre). Unha sociedade que ten os cerebros tan confusos e manipulados polos medios (Como Convertirse En Nada) e na que un tertuliano exerce como a voz do seu amo distorsionando a realidade (Desde El Cariño) para que aquel que roubou ao pobo, rescatou os bancos, desfixo a sanidade, bombardeou Iraq e saqueou as arcas públicas diga que el non foi e aínda que o vísemos cos propios ollos, creamos que non foi el e volvamos votalo, e incluso volvamos defendelo (Nada Que Ver). Aplican a doutrina do shock para atemorizar o pobo e así poder telo máis controlado e recortarlle as liberades (Siente El Pánico) e se aínda así segue a amolar, sempre se lle pode exterminar e aplicar a Solución Final aos pobres (La Del Oeste).

Este espectacular sexto traballo de Gatillazo é un dos mellores discos que levo escoitado no que vai de ano, agora a esperar para ver como o defenden en directo. 

<iframe width="560" height="315" src="https://www.youtube.com/embed/pygp-5PkvVQ" frameborder="0" allowfullscreen></iframe>

Vídeo: Disco Completo Oficial https://youtu.be/pygp-5PkvVQ

Listaxe de temas:

  1. Como convertirse en nada
  2. Fólláteal líder
  3. La del oeste
  4. El poder del metal
  5. SKK
  6. Problemas
  7. Podredumbre
  8. Siente el pánico
  9. La familia unida
  10. Nada que ver
  11. Desde el cariño
  12. Quiero ser un putoviejo
  13. Casi famosos
  14. Outro

 

Vindeiros concertos:

10/06/2016 –Pantalán, A Coruña

Gatillazo nas redes:

Web: www.gatillazo.com

Facebook: www.facebook.com/losgatillazo.oficial

Twitter: @LOSGATILLAZO

Comentarios