A gastronomía toma corpo como creación cultural nos Premios da Crítica

Á fotografía de familia dos Premios da Crítica de Galicia do 2014 engadiráselle un/unha cociñeir@. A Fundación que concede cada ano os premios nas distintas disciplinas da creación cultural engade nesta edición a gastronomía. 

Foto de familia dos Premios da Crítica 2013
photo_camera Foto de familia dos Premios da Crítica 2013

Ás categorías de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais, Artes plásticas e Visuais, Artes Escénicas e audiovisuais que cada ano se reparten os Premios da Crítica de Galicia súmase nesta nova edición a especialidade de “Cultura Gastronómica”, unha nova modalidade á que poderán concorrer distintas iniciativas de cultura gastronómica. 

As candidaturas para a XXXVIIª edición dos premios téñense que presentar, como en todas as modalidades, ás secretarías duns xurados que cada ano incorporan de oficio as súas propias propostas. 

Tamén no Culturgal

O creador e dinamizador cultural Antón Sobral é o secretario do xurado de cultura gastronómica que se vén de facer público que incorpora como membros a Manuel Gago Mariño, escritor, director de Culturagalega.org e coñecido crítico gastrónomo; Matilde Felpeto Lagoa, escritora de temas gastronómicos; Fina Casalderrey Fraga, escritora, membro RAG e autora de varios libros de cociña, en especial dos dedicados ás empanadas e aos doces galegos; Xavier Castro, profesor da USC, historiador de temas gastronómicos; Guillermo Campos, crítico gastronómico e Jose Maria Fonseca Moretón, presidente Grupo Terras Gauda. A decisión da Fundación Premios da Crítica coincide no tempo con outras iniciativas encamiñadas cara á mesma dirección como a incorporación da cultura gastronómica á próxima edición do Culturgal ou, sen ir máis lonxe, a nova páxina que cada semana publica “Sermos Galiza” na súa sección de cultura. 

Os nomes d@s gañadores/as das distintas modalidades daranse a coñecer nun acto público para o que xa hai data: o 11 de outubro de 2014. 

Comentarios