Su Garrido e a súa música, protagonistas do 'Sermos Galiza' desta fin de semana

Neste novo número do semanario analízase tamén o papel das mulleres na escena galega.
Detalles do 'Sermos' desta fin de semana (Foto: Nós Diario).
photo_camera Detalles do 'Sermos' desta fin de semana (Foto: Nós Diario).

Como cada sábado, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante a fin de semana. Desta vez a protagonista é a entrevista á artista Su Garrido, unha cantautora viguesa pero co corazón na aldea de Traspielas, en Fornelos de Montes.

Elvira Branco entrevista Su Garrido nunha conversa en que abordan a música e o seu novo traballo, Patios de luz. “Até hai pouco tempo non eramos espectadores da música, senón que era parte viva dos nosos días”, explica Garrido.

Enterrando o papel de eternas secundarias

Abre este número do Sermos, unha reportaxe a cargo de Mar Álvarez que trata o papel das mulleres na escena galega. “Perviven aínda estereotipos, ligados nomeadamente á imaxe física e á idade das actrices, que continúan a ofrecer das mulleres unha visión subordinada e pouco diversa e que as relegan con frecuencia a un plano secundario”, relata Álvarez na reportaxe que inclúe o semanario desta semana.

Previamente, na páxina de Apertura, o escritor e presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, ofrece unha reflexión titulada Murguía e 'Máis Alá', no que analiza a fin do centenario do manifesto de Manuel Antonio e Álvaro Cebreiro, "non celebrado como merece", e o inicio do 'Ano Murguía'.

Narradoras e marxes

A segunda reportaxe do semanario foi elaborada por Montse González e nela explica “a corrección do desequilibrio histórico na presenza de mulleres na narrativa en galego que experimentou un notábel avance a partir dos 2000”.

González explica que “os datos dispoñíbeis non permiten falar de paridade, malia os relativos progresos no proceso de canonización da literatura de autoría feminina. Fican polo camiño determinados puntos cegos que impiden a visibilización de certas autoras ou, quizais, máis ben os efectos dun problema estrutural que tende a situar as mulleres nas marxes”. 

Cociña, literatura, música, cinema...

Neste número do Sermos Galiza, o Tensi Xesteira e Inma Otero analiza na sección de libros dúas obras.

No caso de Xesteira, analiza a obra Días de intemperie de Antón Riveiro, unha obra en que segundo Xesteira “atopamos a maldade humana máis descarnada e, ao carón, a bondade que xorde nos peores momentos”.

No caso de Otero, esta analiza Con do lore de Branca Trigo que para Otero “é unha exploración dese mal, en todas as súas expresións, pero sobre todo do que se exerce contra as mulleres”

No apartado musical, Fernando Montenegro analiza o disco Rush Out de Sérgio Pelágio. Para Montenegro este “é un disco de amplo espectro que, non obstante, mantén unha personalidade definida desde o comezo até o fin que se podería sintetizar en pezas rotundas como ‘Cerâmica’ ou ‘Snowden’”.

Pola súa parte, David Regueiro trata no seu artigo o mundo do Jazz na Galiza. “A boa saúde e vitalidade do jazz galego é unha realidade asumida por todos xa dentro e fóra do Estado”, indica Regueiro.

O experto en cinema Andrés Castro debull o filme The Fabelmans, unha obra de Steven Spielberg, que segundo Castro é un director que “leva toda unha vida creando películas que nos fagan clic nos miolos, que nos inviten, cando menos, a soñar”

Branca Novoneyra inicia a sección A palabra futura, na cal trata con poemas escritos por mulleres poetas achados nos Labirintos da identidade.

Pola súa parte, Anxo Fole ofrece as mellores receitas na sección de cociña do semanario.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Comentarios