Gargalladas para toda a familia en Allariz

Oscar Doviso: "Semella que os galegos tenden máis ao dramático que ao humorístico"

O Festival Rir de Allariz programa a súa cuarta edición. Este ano contará cun ciclo de proxeccións dos humoristas clásicos "o gordo e o fraco" ademais das curtas seleccionadas para o certame. O seu director, Oscar Doviso, partilla con 'Nós Diario' as actividades que desenvolverán durante os catro días de setembro no que se realiza o evento.
Festival Rir (Foto:cedida)
photo_camera Festival Rir (Foto:cedida)

A quen non lle gusta botar unhas risadas e máis se pode ser en familia? Baixo esta premisa o Festival Rir de Allariz prepara a súa cuarta edición, que terá lugar os días 8, 9, 10 e 11 de setembro

Baixo o paraugas do humor, este festival temático gratuíto realiza un certame de curtas, proxeccións dedicadas a cómicos clásicos e unha serie de actividades pola vila "pensadas paras as crianzas pero que pode desfrutar toda a familia", indica en conversa con Nós Diario o director do festival, Oscar Doviso

Na súa primeira edición "e coa idea de encher a programación do festival, realizamos un ciclo de proxeccións da cinematografía de Charles Chaplin. Ante a sorpresa de que as sesións se enchían de cativada e os seus familiares e tiñan tan boa acollida, decidimos continuar coa idea e cada ano dedicalo a cómicos distintos", explica o director. Despois de centrarse nas obras cómicas de Buster Keaton e Harold Lloyd, esta cuarta edición versará sobre os humoristas Stan Laurel e Oliver Hardy, coñecidos popularmente como "o gordo e o fraco". 

Dentro da súa programación, o Festival Rir organiza un certame de curtas de humor que se dividen en tres temáticas: ficción, animación e documental. Mais esta última "non sempre se pode levar a cabo, porque non hai documentais humorísticos suficientes para realizar a selección", indica Doviso.

Moitas curtas, mais  poucas galegas

Unha vez vistas as 300 curtas que tenden a recibir de media en cada edición, a organización realiza unha selección, "que normalmente queda sobre 50 finalistas" e un xurado composto por profesionais do mundo audiovisual é o responsábel de escoller as merecedoras dos premios. Un destes é outorgado polo público, que escolle a mellor curtametraxe. "A verdade é que pódese pensar que son poucas curtas presentadas, en comparación con outros festivais que chegan a recibir miles de candidatas, mais agradezo que sexan esas, porque dedicámonos a velas todas de comezo a fin e, de ser máis, poderíamos botar moito tempo seleccionándoas", apunta o director. 

Dentro das participantes do certame, Doviso destaca que son moi poucas as curtas galegas presentadas, "recibimos proxectos de todo o mundo, especialmente do Estado español, mais os galegos semella que tenden máis ao dramático que ao humorístico cando se trata de realizar este contido e resulta irónico, tendo en conta a nosa retranca e calidade cómica no país", resalta. 

Para que as cómicas e cómicos galegos tamén teñan o seu protagonismo, o festival outorga o premio honorífico "Rir contigo", que foi entregado na primeira ocasión a Carlos Blanco e na segunda a Luis Dávila. "Xa temos en mente a quen llo queremos dar este ano, xa que é un humorista de moita actualidade na Galiza, mais até a mediados de xuño non o anunciaremos", apunta o director. 

Compartindo gañan todos

Ao mostrar un espírito de suma, o Festival Rir convida cada ano outro festival de pequeno formato para así dar a coñecer diversas iniciativas que se están a realizar no país. "Compartindo gañamos todos e por iso cada ano convidamos outras organizacións a que veñan a proxectar o seu palmarés ao festival e a que falen da súa iniciativa para que os nosos e as nosas asistentes tamén saiban dos seus eventos", sinala Doviso. 

Nas edicións anteriores estiveron participando o festival Curtas, Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa, Festival Internacional de Curtas de Verín e o Galician Freak Film Festival de Vigo. Este ano "tamén está pendente de confirmación o festival a participar", comenta. 

Creando ambiente familiar

Malia que nesta edición e na anterior non se puido levar a cabo do mesmo modo, o Festival Rir busca "crear un ambiente familiar e distendido facendo unha pausa entre as proxeccións onde o público podía comer, beber e comentar o que acababan de ver, para que a experiencia fose máis aló de estar sentadas vendo as curtas e, ao rematar, marchar", conta o director. 

O ambiente, a programación e a vila "fai que moita xente desfrute do festival e, ao acabar, sempre temos público que nos di o ben que o pasaron e sabemos que iso, grazas ao boca a boca, atraerá máis persoas. Somos un festival pequeno, no que grazas ao apoio do Concello e de empresas privadas podemos ofrecer gratuitamente á veciñanza momentos de desconexión e moitas gargalladas, que tan necesarias foron sempre e máis nestes tempos. Ao fin e ao cabo, a quen non lle gusta rir?", conclúe o director do Festival Rir, Oscar Doviso.

Comentarios