García Teijeiro e Pablo Otero, na lista de Cuatrogatos 2020

Obras elixidas entre más de 1.500 libros
antonio garcía teijeiro 2
photo_camera O escritor Antonio García Teijeiro, autor de 'Versos e viceversos'. Foto: Distrito Xermar (AELG).

Seis libros publicados pola editorial Kalandraka figuran entre os destacados pola Fundación Cuatrogatos, organización sen fins de lucro "para traballar a prol da cultura e a educación" con sede en Miami (Estados Unidos). Dous dos títulos seleccionados son de autores galegos: Versos e viceversos (2019), dos poetas Antonio García Teijeiro e Juan Carlos Martín Ramos e mais o ilustrador Juan Ramón Alonso, e Parece unha formiga (2019), de Pablo Otero. Ambos os dous volumes conteñen, singularmente, de poemas dirixidos ás lectoras cativas.

"Na casa daquel poeta, / entra e sae e entra o mar / por unha porta entreaberta / por unha porta entreaberta", escriben García Teijeiro (Vigo, 1952) e Martín Ramos (Bélmez, Córdoba, 1959), "na casa daquel poeta, / anda o vento en zapatillas / e fai que voen poemas". O libro é un diálogo en verso con pincel polo medio, "versos do norte e versos do sur" entre un poeta galego e outro andaluz. "Poemas que van e veñen como as ondas do mar", explica Kalandraka na nota de presentación da obra.

Parece unha formiga é unha peza peculiar. Aínda publicado nunha editora especializada en lectores miúdos, os textos de Pablo Otero (Ourense, 1970) conteñen moitos niveis de lectura. Reflexivos e interrogativos, a editorial fala de "poesía, enigma, transcendencia". "Que foi antes, a orde ou a desorde? / Dous irmáns, ás veces pelexan / porque non saben darse unha aperta. / Aquilo que para uns é orde, / para outros será sempre desorde. / Pero quen ordena a orde?", di o poeta, el mesmo debuxante das láminas que acompañan os poemas. "Este libro de textos ilustrados quere ir contigo, na túa carteira, respirar o aire que respiras, ir ao ritmo dos teus pasos, mimetizarse coa túa pel", proponse o autor.

Nos 20 galardoados

A Fundación Cuatrogatos, creada polos escritores Sergio Andricaín e Antonio Orlando Rodríguez, avaliou 1.500 libros publicados por 171 editoriais en vinte países do ámbito iberoamericano. Os de García Teijeiro e Pablo Otero figuran na lista de 100 obras recomendadas publicadas en 2019. O segredo do do avó oso, de Pedro Ramos e Zuzanna Celej; O que eu creo (de todo), de Jordi Sierra i Fabra, e Sete historias para a Infanta Margarita, este en castelán, de Miguel Ángel Fernández-Pacheco, son as outras de Kalandraka nesa escolla.

A maiores, Cuatrogatos outorga 20 premios anuais a "libros altamente recomendados polos seus valores literarios e plásticos que, a xuízo da nosa institución, merecen ter a maior difusión. Desexamos contribuír a que cheguen ao maior número posíbel de fogres, escolas, bibliotecas e outros espazos onde se propicie o encontro dos lectores mozos con obras da maior calidade". Nestes 20 atópase Á unha, ás dúas e ás....!, da poeta Nieves García e a ilustradora Noemí Villamuza. Escrito e publicado en castelán por Kalandraka, levou a distinción na última edición do Premio Internacional Cidade de Orihuela de Poesía para Nenas e Nenos. 

Comentarios