García Negro e Castelao Mexuto presentan a obra literaria completa de Carvalho Calero

Mesmo cando se lle dedicou o Día das Letras Galegas en 2020, a obra literaria de Carvalho Calero seguía sen estar dispoñíbel para o público lector. Un volume editado por Biblos e coordinado por María Pilar García Negro e Manuel Castelao Mexuto pon agora fin a esta eiva que impedía coñecer de primeira man a obra do autor.
González Boo, Valentín García, Antonio López, Miguel Santalices, Pilar García Negro e Manuel Castelao.
photo_camera González Boo, Valentín García, Antonio López, Miguel Santalices, Pilar García Negro e Manuel Castelao.

“Esta obra trata de responder ao escandaloso feito de que a obra de Carvalho non estaba dispoñíbel”. Así resumía Manuel Castelao Mexuto o espírito que anima a edición de Ricardo Carvalho Calero. Obra Literaria (editado por Biblos coa colaboración da Xunta de Galiza e do Parlamento galego), un volume de case setecentas páxinas que recompila a poesía, o teatro e a narrativa do autor.

O libro presentouse onte no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela nun acto no que interviron Manuel Castelao Mexuto e María Pilar García Negro -autores da obra-, xunto con Antonio López, reitor da USC; Miguel Santalices Vieira, presidente do Parlamento de Galiza; Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística; e a súa editora, Carmela González Boo. 

A obra de Carvalho estaba até o de agora dispersa en antoloxías, edicións fóra de catálogo, ou en publicacións de moi difícil acceso ao público xeral

Efectivamente, a obra de Carvalho estaba até o de agora dispersa en antoloxías, edicións fóra de catálogo -como no caso do seu teatro completo-, ou en publicacións de moi difícil acceso ao público xeral. Un oco que agora se cobre coa edición deste volume. 

García Negro lembrou que o 25 de marzo facíanse exactamente cincuenta anos da toma de posesión da cátedra de Lingüística e de Literatura Galega na Universidade compostelá, a primeira na historia académica da Galiza, un feito ao que tamén se referiu o reitor da USC na súa intervención. Tamén lembrou que o “primeiro de outubro de 1930, o estudante Carvalho, a piques de facer os seus 20 anos, asume a encomenda de proferir, neste mesmo Paraninfo, o discurso de inauguración de curso en nome da comunidade escolar”. Nel, destacou a autora, Carvalho afirmaba que “a universidade galega debe selo de corpo enteiro, pois naquela hora xubilosa en que semella que os pobos que integran o Estado español acusan con máis énfase que nunca o seu afán de personalidade e a súa ansia de vida propia, a clase escolar galega cre cumprir un deber ineludíbel solicitando a galeguización da súa Universidade. A Galiza existe, e por existir ten dereito a ter unha cultura propia”. 

A afiliación ao Seminario de Estudos Galegos de Carvalho, o seu contacto cos vultos principais da cultura galega da época, e unha entrega que mantivo durante toda a súa vida, “a pesar de todas as penurias, da tormenta e do tormento da guerra civil española e das súas letais consecuencias para a cultura galega”, son, para García Negro as credenciais que fan a Carvalho acredor dunha débeda que se salda con esta publicación.

Castelao Mexuto afirmou que quixeron restaurar a vontade de Carvalho de construír "unha lingua literaria que, mantendo a súa fidelidade á raíz galega, quere reatar o vínculo crebado co portugués". Unha escolla que en nada empece o gozo literario do público lector. 

Castelao Mexuto, pola súa parte, fixo fincapé nun traballo de edición que tratou de fixar textualmente unhas obras -que foran deturpadas, en moitas ocasións, por razóns ideolóxicas- “co máximo respecto pola vontade autoral”. Castelao Mexuto apelou á idea de Carvalho de que “a fixación normativa do idioma é un proceso lento, onde o protagonismo lle corresponde á sociedade” e que a cuestión non podía ser fechada de forma definitiva “pontificar, dicía el” a finais do século XX. “Só Carvalho parecía ter a capacidade de ver o proceso de normativización en toda a súa complexidade, e sen crer en dogmatismos de ningún tipo”, expuxo.

“Carvalho foi un dos poucos escritores que non aceptou a represión do léxico tradicional iniciado por volta de 1982 e que levou ao extremo irracional de apagar dos dicionarios correntes hiperenxebrismos, dialectalismos, neoloxismos... que así se tornaron incomprensíbeis para os lectores que se achegaron aos textos clásicos en edicións orixinais”. 

Nese sentido, o autor afirmou que quixeron restaurar a vontade de Carvalho de construír "unha lingua literaria que, mantendo a súa fidelidade á raíz galega, quere reatar o vínculo crebado co portugués". Unha escolla que en nada empece o gozo literario do público lector. 

"O pasado está constantemente a ser reconstruído", declarou Castelao Mexuto antes de afirmar que "este libro vai mudar o perfil da literatura galega do século XX". 

Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística, puxo de manifesto a vontade da Xunta de seguir apoiando a difusión da obra de Carvalho despois de que a celebración do Ano Carvalho estivese “moi condicionado polas medidas sanitarias de prevención derivadas da pandemia”

O ano da pandemia

A aparición da pandemia durante 2020, o ano en que se lle dedicou a Carvalho Calero o Día das Letras Galegas, pairou sobre o acto ben para desculpar algunhas carencias como a propia falta de publicacións que desen a coñecer esta obra literaria, ben para reforzar a idea de que, malia os impeitizos, os múltiplos actos de homenaxe permitiron rescatar un autor moitas veces ocultado e preterido nas preferencias académicas por mor da opción lingüística-ortográfica que adoptou no tramo final da súa vida, claramente inclinada cara ao reintegracionismo. 

Así, Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística, puxo de manifesto a vontade da Xunta de seguir apoiando a difusión da obra de Carvalho despois de que a celebración do Ano Carvalho estivese “moi condicionado polas medidas sanitarias de prevención derivadas da pandemia”. 

Na mesma liña, o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, evocou as dificultades para asistir ás homenaxes organizadas durante aquel ano e aludiu á edición do epistolario entre Carvalho e Otero Pedrayo (Polos camiños das horas), coa implicación da institución que preside en colaboración coa Real Academia Galega. “Esta edición”, afirmou, “é a continuación do que non se puido facer en 2020”. 

"Nace" un autor para a literatura galega

"Carvalho foi primeiro e ante todo, poeta, a seguir, autor teatral e só despois, narrador", expuña Castelao Mexuto, explicando así a orde seguida no volume para ordenar a obra literaria do autor.

García Negro destacou que a conmemoración de 2020 permitiu "redescubrir" ao lingüista, ao historiador da literatura, ao crítico, ao orador... "mais o paradoxo axiña se fixo visíbel: faltaba, en pezas fundamentais, a materia prima, a obra literaria en si".

De aí derivan catro coleccións de poesía, o teatro completo (oito pezas) e a narrativa íntegra (dez textos, entre novelas e contos). "Podemos afirmar, pois, que nace un escritor para a literatura galega, cuxa obra nos permitirá coñecelo e, de certo, modificará a imaxe da literatura do século XX", apostilou.

Comentarios