XIV ENCONTRO DE EMBARCACIÓNS TRADICIONAIS

Gamelas, galeóns, xeiteiras, dornas, bateis.. o rumo é cara á Guarda

A vila da comarca do Baixo Miño acollerá do 11 ao 14 de xullo de 2019 a XIV edición do Encontro de embarcacións tradicionais, unha cita inexcusábel para os amantes do mar e non só.

embarcacións tradicionais

Unicamente catro son as gamelas que, a día de hoxe, quedan activas na Guarda. A gamela da Guarda é unha das embarcacións tradicionais de Galiza máis antigas que se coñecen. Proa e polade espello (planas) e habitualmente feitas de piñeiro, eran una estampa habitual na Guarda hai anos. Hoxe púlase pola súa recuperación. Un proceso ao que vai contribuír que esta vila do Baixo Miño aolla do 11 ao 14 de xullo o XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais. Unha cita na que, coa paixón e interese pola cultura marítima e fluvial como guía, argállanse numerosas actividades, obradoiros, concertos, coloquios regatas, etc..

Culturmar-Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, organizadora dos Encontros, optou en asamblea pola Guarda, candidatura que competía coa promovida desde Ribeira. A pesar de salientar a “alta calidade de ambos proxectos”, os colectivos que integran a federación decantáronse, finalmente, polo que impulsan a Asociación Piueiro e o Instituto de Estudos Miñoranos (IEM). Unha proposta que pon en valor o binomio río-mar, e que destaca a importancia da tradición marítimo fluvial común coas poboacións do Alto Miño portugués.

.

A Guarda colle así o relevo de Combarro, sede da XIII edición. Son xa 25 os anos que pasaron desde que as persoas pioneiras decidiron xuntar unhas poucas embarcacións en Ribeira. A idea pasaba por recuperar o patrimonio flotante tradicional do país e a partir de entón xurdiu a Federación Galega pola Cultura Marítima, “un calco do movemento que viña xa funcionando na Bretaña Francesa”, explicaba Manuel Sendón, o seu presidente, o ano pasado en conversa con Sermos Galiza. Desde entón, acordaron realizar os encontros cada dous anos en diferentes lugares do país, “o obxectivo pasaba por aumentar a querenza pola cultura marítima, un dos sinais de identidade máis representativos de Galiza, que é, toda ela, un museo flotante”.

Agora son case medio cento as asociacións federadas e non menos de 300 as embarcacións que forman parte da flota tradicional galega da Federación.

Poucos países hai cun patrimonio marítimo tan vivo, rico e variado como Galiza. Algo que recoñecen en potencias na materia, como Bretaña ou Portugal. Estes encontros son referentes en Europa. Unha cita na que hai un completo programa de actividades, que abranguen desde navegacións diarias en embarcacións tradicionais e actividades para os máis pequenos en espazos infantís até debates, mostras de artesanía, exposicións, actuacións musicais ou recitais de poesía. 

Comentarios