Risco

O Galo organiza o roteiro ‘Dedalus en Compostela’

A Agrupación Cultural O Galo organiza o vindeiro 7 de xuño dentro da Semana do libro de Compostela (SELIC) o roteiro ‘Dedalus en Compostela’, que arrincará desde a Quintana. Baséase no relato de Risco de mesmo título e publicado en 1929 na revista Nós.

Cartel do evento
photo_camera Cartel do evento

O roteiro ‘Dedalus Compostela’, organizado pola Agrupación Cultural O Galo, terá lugar a vindeira sexta feira 7 de xuño dentro da Semana do libro de Compostela (SELIC). O percorrido será guiado por Richard Rivera e iniciará ás 18 horas na porta da SELIC, instalada na praza da Quintana.  

As prazas son limitadas e para asistir cómpre inscribirse no enderezo electrónico selic2019@santiagodecompostela.gal

O percorrido baséase na narración escrita por Vicente Risco  Dedalus en Compostela’

O percorrido baséase na narración escrita por Vicente Risco con ese título, Dedalus en Compostela’, e que foi publicada en 1929 no número 67 da Revista Nós, do 25 de xullo, e reeditada en 1961 pola Editorial Galaxia, baixo supervisión do propio Vicente Risco, quen ordenou suprimir varios anacos do texto. 

A acción desenvólvese en Compostela o xoves da Ascensión de 1926. Nas rúas compostelás coinciden o propio Risco e Stephen Dedalus, personaxe creado por James Joyce como o seu "alter ego". O narrador, en primeira persoa,  é o propio Vicente Risco que informa a quen o le, de que, durante o inverno, xa coincidira con Dedalus en Ourense no seu despacho da rúa de Santo Domingo.  Tamén explica que o encontro se produce no mundo do imaxinábel, pois, ao atopárense en Ourense, Dedalus tiña 43 anos (a idade de Dedalus en Ulises), mais no encontro en Compostela Dedalus só conta con 19 anos (a idade de Dedalus en Retrato do artista cando novo).

Esta narración permitirá facer o percorrido que realizaron Vicente Risco e Stephen Dedalus

Risco comeza só o seu paseo desde un ultramarinos da rúa da Acibecharía, pasa pola praza do Pan, o Preguntoiro, a Caldeirería e  por Tras Salomé camiñando até a rúa Nova. Nunha libraría a carón do pórtico de Salomé, atopa a Dedalus, co que bota a camiñar de novo polas rúas compostelás. Dedalus explícalle que foi a Compostela como peregrino para ser soterrado alí, como xa o fora Guillerme de Aquitania. Percorren a rúa Nova, a rúa da Conga, a Quintana e Dedalus propón ir ao bar Quiqui, para remataren entrando na catedral, para visitar o sepulcro de Santiago.

Esta narración permitirá facer o percorrido que realizaron Vicente Risco e Stephen Dedalus e coñecer que edificios sobresaían daquela pola súa modernidade, a ubicación de comercios rexentados por integrantes das Irmandades da Fala ou descubrir como a libraría Niké atraía as persoas visitantes.

Comentarios