O Galo organiza esta cuarta feira a presentación de 'Del Riego xornalista'

Publicadas agora por vez primeira de maneira conxunta nunha publicación única, as entrevistas de Francisco del Riego revélanse como pioneiras dun xénero que tardaría en despegar no noso panorama cultural.
A publicación 'Del Riego xornalista' editada por Sermos Galiza S.A. (Foto: Nós Diario).
photo_camera A publicación 'Del Riego xornalista' editada por Sermos Galiza S.A. (Foto: Nós Diario).

Con motivo do Día das Letras Galegas, Sermos Galiza S.A., empresa editora de Nós Diario, editou unha publicación, coa colaboración do Concello de Pontevedra, na que se recollen por vez primeira, de maneira conxunta, as entrevistas realizadas por Francisco Fernández del Riego a grandes vultos da sociedade e da cultura galega na revista Galicia Emigrante.

Baixo distintos pseudónimos, Del Riego publicou múltiples pezas e entrevistas que agora se recollen na publicación Del Riego xornalista.

Entrevistas nas cales non se encontran preguntas longas, requintadas, que manifesten o pensamento ou os coñecementos de quen as fai. O autor toma distancia e sométese á pregunta xornalística de condición breve para pór o foco na resposta.

Para presentar esta publicación, a Agrupación Cultural O Galo organiza un coloquio que tamén serve como presentación destas entrevistas recollidas en Del Riego xornalista.

Será esta cuarta feira 31 de maio ás 20.15 horas no compostelán espazo enocultural Vide, Vide!. Na presentación intervirán Ana Rodiño, do consello de administración de Sermos Galiza, María Antonia Pérez, profesora da Universidadeda Coruña e a xornalista Carme Vidal.

A publicación

Celestino F. de la Vega, Plácido Castro, Franco Grande, Sebastián Martínez-Risco, Cesáreo Saco, Carvalho Calero, Ánxel Fole, Ramón Lugrís, Fernández Oxea, Isidro Parga Pondal ou Xohana Torres son algunhas das personalidades protagonistas deste conxunto de entrevistas, un corpus único e singular que, dalgunha maneira, reflicte tamén a personalidade do seu autor, virado para o compromiso coa cultura galega e a súa difusión.

Publicadas agora por vez primeira de maneira conxunta nunha publicación única, as entrevistas de Francisco del Riego revélanse como pioneiras dun xénero que tardaría en despegar no noso panorama cultural e que só tomaría pulso en formato de libro con conversas en profundidade con figuras do mundo da política ou da cultura e autores tamén recoñecidos.

Para conseguir a publicación

Froito da colaboración co Concello de Pontevedra, a publicación, que recolle as entrevistas transcritas por Flor Fernández para facilitar a lectura e mais a reprodución das páxinas orixinais de Galicia Emigrante, entregarase a alumnado de 4º da ESO e 2º de Bacharelato dos centros de ensino públicos da cidade.

Ademais, as persoas subscritoras ao diario en papel que estean interesadas na publicación, poderán solicitala enviando un correo ao enderezo [email protected], cos seus datos. No caso da modalidade de subscrición dixital, a publicación estará dispoñíbel para a lectura na nube.

Comentarios