O Galo celebra unha fest-noz con música bretoa en directo

Este domingo 29 de novembro a asociación cultural O Galo organiza unha fest-noz (foliada bretoa) na Nave de Vidán, que contará con músicos galegos e coa harpista bretoa Bleuenn Le Friec. 

bleuenn
photo_camera Bleuenn Le Friec

Esta é a terceira edición da fest-noz que celebra O Galo de forma anual. Trátase dunha tradición moi arraigada na cultura bretoa, e desde a asociación cultural compostelá animan a acudir pois é "moi fácil aprender, non se precisan habilidades especiais nin ir a obradoiros previos". 

O domingo pola banda galega estarán os grupos Tis Che Tein e Carricobanda, que habitualmente interpretan repertorio tradicional dos países celtas, ademais do gaiteiro Pablo Pascual. Poderase bailar distintas danzas tradicionais, como gavotte, an dro, laride, cercle circassien, scotish… O profesor de baile, Suso Cancelas, da asociación Monteira Danzas do Mundo, será o encargado de animar e coordinar as persoas que queiran iniciarse ou perfeccionar os distintos bailes.

Pola banda bretoa estará a harpista Bleuenn Le Friec, especialista en harpa clásica que se formou en Musikene (Donostia) e en Alemaña. Foi integrante da JONDE, da Gustav Mahler Jugendorchester e da Verbier Festival Orchestra. Foi harpa solista da Neubrandenburger Philharmonie.

A fest-noz comezará ás 18 horas e a entrada custa 5 euros. 

Comentarios