Galiza, territorio fértil para o blues

Numerosas bandas manteñen a chama do xénero
o cadelo lunático - foto de brais rouco 2
photo_camera O Cadelo Lunático. Foto: Brais Rouco.

Hai xa catro anos que Javier Prado, detrás da máscara O Cadelo Lunático, transportou a poesía de Celso Emilio Ferreiro ao blues acústico, sureño na terminoloxía do xénero. Axiña formou unha banda coas músicas que logo armarían Vudú -Belém Tajes aos teclados e Maritxiña ao baixo- e mais Olalla Ferga na batería, que levaron o Malos tempos, un disco anoxado e reptante, por todo o país. Pero en 2016 decidiu parar. Agora regresa con nova formación e os mesmos obxectivos: cantar blues en galego e contribuír á cadora máis vizosa escena galega desta música de orixe afroamericana.

"Existen moitas bandas e en boa forma", explica Prado a Nós Diario, "hai festivais, locais onde tocar, jam sessions regulares... Galiza é unha terra de blues". Esa é a paisaxe en que naceu O Cadelo Lunático, antes Moondog Blues Party. "Por motivos vitais, o proxecto Moondog disolveuse e parei O Cadelo Lunático. Levaba 22 anos tocando. Mais eu seguían asistindo a jams en Pontevedra ou Vigo. Alí coñecín ao baixista Jorge Arenaz e ao teclista Pedro Gregorio", lembra. Canda o batería Nico Rodríguez conforman a nova versión do Cadelo, que estes meses percorre escenarios  por toda a xeografía e mesmo dá saída a novas cancións.

O cambio de lingua

Prado toca a guitarra blues desde os 13 anos. Chegou ao instrumento grazas a un curmán, activo no territorio musical compostelán dos anos noventa: a Sala Nasa, a Casa do Patín, os grupos do chamado Rock Parrulo. Discos de clásicos totémicos como Muddy Waters ou John Lee Hooker abríronlle o continente blues. O salvaxe irlandés Rory Gallagher mudoulle a perspectiva. "Era raro, porque nesa época triunfaba o grunge, ou os Gun's'Roses", di. Con ese fondo de armario teceu as súas primeiras experiencias propias, sempre no idioma fundacional do estilo, o inglés. Até que optou por ensaiar a súa lingua.

"Na casa, coa miña parella, o galego estaba moito máis presente. Ao tempo, admiraba a Víctor Aneiros, que xa publicara blues en galego [Blues do amencer, de 2004; despois Brétemas da memoria, en 2010]", relata, "e influíume moito Narf, a quen coñecera un día despois dun concerto". A partir desa reflexión, o galego apropiouse do blues de Prado "dun xeito natural". A obra de Celso Emilio Ferreiro axudoulle a canalizalo: "A súa musicalidade intrínseca é moi próxima ao blues". Non ou Mentres imos andando, ambas as dúas incluídas en Malos Tempos sobre poemas de Ferreiro, próbano. 

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.

Comentarios