A Galiza procura alianzas para que o hórreo sexa patrimonio da humanidade

A Asociación pola Defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal) traballa con outros territorios, quer do Estado español, quer doutros estados, para chegar a presentar unha candidatura á Unesco.
Hórreo no Araño, en Rianxo, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Turismo.gal)
photo_camera Hórreo no Araño, en Rianxo, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Turismo.gal)

O hórreo galego quere fuxir da cerellada, quere loitar contra a falta de aprecio polo seu significado e a súa historia e pretende evitar o desmantelamento sistemático ao que é sometido nalgunhas zonas do país. E a Asociación pola Defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal) erixiuse en representante destes elementos identitarios da paisaxe da Galiza até o punto de que está na procura de alianzas con distintos territorios para lograr, a medio prazo -se é posíbel-, que a Unesco os recoñeza como un patrimonio da humanidade. 

O presidente de Apatrigal, Carlos Henrique Fernández Coto, explica que hai un traballo en rede de varios territorios do Estado español e de Portugal. Aliás, contactaron con representantes italianos, serbios, romanos e até da China e Madagascar porque teñen elementos arquitectónicos elevados para gardar o cereal que, en certo modo, poderían asemellarse ao hórreo galego. 

Hai unas semanas, nun congreso sobre estas estruturas en Asturies, o colectivo Hórrea asinou xa unha declaración conxunta sobre celeiros elevados na que, entre outras cuestións, destacan que "son un patrimonio agrario a protexer polo seu elevado valor cultural material, inmaterial e paisaxístico".

Detrás deste acordo inicial están a Galiza, Cantabria, Euskadi, Nafarroa, León, Asturies e Portugal, mais xa hai contactos cos outros países.

En todo caso, chegar a contar cunha candidatura á Unesco depende, antes, do Ministerio de Cultura. Segundo aclara Fernández-Coto, nesta institución dependente do Goberno do Estado español "aínda non existe o hórreo como Patrimonio Etnográfico ou Arquitectónico", polo que primeiro precisan dese paso intermedio.

Nin a Xunta nin as asociacións soas poden elevar a petición á Unesco, algo que lle correspondería aos ministerios de varios Estados para achegar unha candidatura conxunta. 

Polo de agora enviaron ao departamento un informe de 100 páxinas sobre o que supón a tulla, nas súas diferentes interpretacións segundo o territorio, do que "40 son páxinas sobre os galegos" dado que o país é o que máis ten. 

Para Apatrigal conseguir o visto e prace da Unesco no futuro non se limita a unha protección, como procuran en Asturies, Cantabria e Portugal. "Interésanos que o pobo galego lle dea valor para non deixalos caer, para non trasladalos, para non vendelos malia que é ilegal... Entrar na Unesco, para os galegos, significa que algo valerán se os recoñecen", resume. 

Comentarios