domingo 12.07.2020

Galiza perde 1.500 traballadoras e traballadores no sector cultural

O emprego nesta actividade a nivel de Estado aumentou en 3.100 persoas,
Singularidade, de Alicia Martín, no exterior da Cidade da Cultura.
Singularidade, de Alicia Martín, no exterior da Cidade da Cultura.

Galiza contaba en 2018 con 35.000 traballadores e traballadoras no sector cultural, o que supón 1.500 menos que en 2017, unha tendencia que contrasta co aumento medio rexistrado a nivel estatal, onde aumenta en 3.100 persoas. Así figura no último informe do Observatorio da Cultura Galega, con fontes da EPA, afiliacións da Seguridade Social e de contratación.

Con todo, o documento destaca que Galiza é o quinto territorio do Estado con maior emprego cultural en cifras absolutas, por detrás de Madrid, Cataluña, Andalucía e Valencia.

Ese mesmo ano, 2018, a Seguridade Social rexistrou 12.268 afiliacións en ocupacións de ámbito cultural, 217 máis que 2017, o que supón 1,2 por cento do total de todos os sectores. Esta porcentaxe "mantívose estábel no últimos catro anos",  engade.

A maioría destas afiliacións correspóndense con artes gráficas e reprodución de soportes gravados e coa edición, 3.284 e 2.267, respectivamente. Doutra banda, a tendencia á alza tamén se reflicte no número de autónomos, con 3.422 fronte aos 2.870 de 2014.

Homes e mulleres

No últimos cinco anos, o paro en actividades culturais descendeu en 26,5 por cento e, de feito, en 2018 a baixada foi de 430 persoas. O desemprego foi maior no caso dos homes (51,6 por cento) que nas mulleres (48,4), sobre todo entre os 40 e 44 anos, e máis acusado o ámbito da información e as comunicacións.

Os traballos máis solicitados ese ano foron profesores de idiomas, axudantes de bibliotecas, animadores socioculturais, monitores e profesionais de tradución.

Así mesmo, das 795 empresas culturais contabilizadas no informe, 87,5 por cento do total teñen menos de 10 traballadores (unhas 696). As máis grandes, xornais e produtoras de cinema e televisión.

comentarios