mércores 14/04/21

Galiza perde 11 bibliotecas públicas nun ano mentres o investimento segue por baixo da media estatal

Hai 75 concellos que non teñen este servizo. A porcentaxe da poboación que usa os servizos bibliotecarios é de 31,6%.

Sala de préstamo da biblioteca nodal de Lugo (Imaxe: Biblioteca de Lugo).
Sala de préstamo da biblioteca nodal de Lugo (Imaxe: Biblioteca de Lugo).

Galiza ficou nun ano sen 11 bibliotecas mentres hai 75 concellos que carecen deste servizo e a porcentaxe da poboación que usa os servizos bibliotecarios é de 31%, e destinamos 8,93 euros por habitante ás bibliotecas, 1,28 menos que no conxunto do estado (10,21 euros).

Estes son algún dos datos que ofrece Bamad, a Asociación de Profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galiza, e que figuran nas últimas estatísticas de bibliotecas, correspondentes ao ano 2018, publicadas polo Ministerio de Cultura.

“Con respecto aos indicadores analizados estamos por debaixo da media estatal en todos agás no número de documentos por habitante e no gasto en adquisicións por habitante”, sinalan desde esta asociación. “Os datos non son bos con respecto aos do conxunto do estado”, conclúen.

Pese a iso, puntualizan, podemos salientar que con respecto estatísticas do ano anterior (2017), “melloramos especialmente en adquisicións por cada 1000 habitantes onde pasamos de 67,37 no ano 2017 a 109,27 no 2018, o que supón un incremento de 41,9 adquisicións por cada 1000 habitantes, sendo deste modo a terceira comunidade autónoma en adquisicións por cada 1000 habitantes”.

Entre outros elementos positivos, tamén sinala que continúa a incorporación de bibliotecas ao Catálogo Colectivo da Rede de Bibliotecas Públicas.

En cuestións que cómpre mellorar, “e debemos facer fincapé na necesaria mellora das partidas orzamentarias, e no necesario control das políticas e accións levadas a cabo polos concellos”.

“Contamos con 238 bibliotecas públicas (11 menos que en 2017) que prestan os seus servizos en 326 puntos de atención bibliotecaria (10 menos que en 2017). 75 concellos non dispoñen de ningún servizo bibliotecario”, indican no comunicado.

No número de visitas á biblioteca por habitantes contamos con 1,76, mentres a media do estado foi de 2,23. (1,75 e 2,25 en 2017). Deste modo, os datos apenas presentan variacións con respecto ao ano anterior, aínda que seguimos por debaixo da media estatal.

Investimento

Só o 31,65% dos habitantes de Galicia está inscrito nalgunha biblioteca pública, mentres no estado a media é de 35,67. (32,38 e 36 en 2017). 

As actividades realizadas nas bibliotecas galegas por cada 1.000 habitante son tamén menores que as do estado: 3,12 frente a 4,97 act/1.000 hab. (2,53 e 5,16 en 2017). 

En Galiza contamos cun bibliotecario por cada 4.838 habitantes, mentres que no estado teñen 1 por cada 4.273 habitantes. (4.819 e 4.308 en 2017). “Este é un dato especialmente negativo xa que aumenta a distancia con respecto á media estatal, e se temos en conta que a poboación galega diminuíu no ano 2018 con respecto ao ano 2017, podemos concluír que descendeu o número de persoal nas bibliotecas galegas. O descenso na poboación total debería supoñer unha baixada no número de habitantes atendidos por cada bibliotecario”.

En persoal equivalente a tempo completo (ETC) tivemos 561 traballadores en 2017 e 558 en 2018. 3 persoas menos que inciden nun incremento da poboación atendida. “Isto parece debido á inestabilidade laboral: contratos a tempo parcial e de curta duración, bolseiros…”

comentarios