sábado 19/09/20
Entrevistamos Margarita Ledo

“Galiza é un país subexposto, moi censurado”

Margarita Ledo Andión (Castro de Rei, 1951) é a primeira muller que gaña o premio Otero Pedrayo, convocado pola Xunta e as catro deputacións –de maneira rotatoria–. Directora que transita a modernidade cinematográfica e explora as paixóns do real do século XX, escritora sen concesións á narratividade convencional, catedrática de Comunicación Audiovisual e académica, Ledo Andión dubida do lugar dos recoñecementos na cultura galega pero agradece o que leva o nome dun intelectual decisivo na súa formación.

[Imaxe: Laura R. Cuba] Margarita Ledo
[Imaxe: Laura R. Cuba] Margarita Ledo

1O premio Otero Pedrayo é oficialista...

Si, moi oficialista.

...como se evita que este tipo de recoñecementos domestiquen a cultura?

Esta é unha cultura tan anómala que está ateigada de premios. En troques de haber eses premios nacionais a algo que en determinado momento che fai avanzar, hai toda esta sucesión de recoñecementos. Eu fiquei sorprendida. Porque non é un mapa que teña na cabeza. Cando me chama Carmela Silva, a presidenta da Deputación que convocaba este ano, sorprendeume. Despois o nome, Otero Pedrayo, fíxome sentir a gusto. Logo dígome que son a primeira muller e obrígome a saber por que. Ten a ver co rol da muller no terreo da proxección cultural. Logo descubro que, para alén das entidades convocantes, hai un xurado máis amplo, de 20 persoas. Pero podemos darlle a volta e, en honor a Junqueras, dicir “hai que recuperar as institucións”. Calquera sociedade se dota de instrumentos institucionais, que son xusto ese mundo de relación entre o diferente: diferentes intereses, diferentes tácticas, diferentes prioridades. Aquilo que é urxente para que unha sociedade non desapareza, que é o noso risco: que desapareza aquilo que Otero representa para converternos en reclamo turístico. Esa función como única posíbel. Nunha situación normal, nas institucións entrarían os recoñecementos. Na nosa, creo que hai unha sobreexposición dos premios.

Esa é a sensación.

E ao tempo hai aspectos da cultura absolutamente abandonados. Agora traballamos nun programa europeo de subtitulado en linguas non hexemónicas. Traballamos con diferentes países europeos e con Catalunya e Euskadi. Galiza é o único país que non ten política de subtitulado. Hai áreas absolutamente abandonadas e outras sobreexpostas. Galiza é un país subexposto, moi censurado. Para a visibilización da cultura galega é necesaria unha institución como o Ramón Llul catalán ou como o Etxepare vasco. Hai subexposición nalgun Hai subexposición nalgunhas cousas e sobreexposición noutras. E seguramente o mundo dos premios está sobreexposto.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 281 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques habituais]

comentarios