mércores 08/12/21
LUNED RHYS PARRI

“Galiza é moi diferente do preconcepto xeral que eu tiña de España”

Luned Rhys Parri é unha artista galesa que viviu seis semanas en Galiza como parte do proxecto Tosta 2016 de intercambio entre axentes culturais de comunidades lingüísticas minorizadas que coordina Donostia Capital Cultural e coordinou desde Galiza a Deputación da Coruña e a Mesa pola Normalización Lingüística. 

luned-1ºplano
Luned Rhys Parri na estación de tren de Compostela

- Como definirías a túa arte? Fálanos das túas pequenas esculturas.
- Eu pretendo ilustrar e describir a realidade de todos os días con perspicacia e con humor. Os materiais que uso son calquera cousa que estea facilmente dispoñíbel, combinándoo con cabos, arxila, la, tecido e pintura. A miña obra xeralmente describe a vida en Gales. Máis recentemente tentei ilustrar un pouco o que vivín na Patagonia [onde hai unha comunidade galesa establecida alí desde o s. XIX] e, por suposto, en Galiza. 

- Estiveches vivindo en Galiza durante 6 semanas grazas ao programa Tosta. Aquí coñeceches artistas galegos e puideches probar un chisco de cultura galega. Que che pareceu?
- Foi fascinante para min coñecer tres espectaculares artistas e ilustradores en Galiza, un pequeno país dun tamaño similar ao de Gales, cuxo traballo é impresionante e que teñen moito éxito a pesar da súa determinación de resistir a tentación das grandes cidades españolas e de continuar a vivir no seu país. Tamén me gustou decatarme de que nos seus traballos, como en moitos dos meus, combinan imaxes con textos impresos na súa lingua. 

obra-luned-empanada

- Que che sorprendeu máis de Galiza?
- Sorprendeume moito ver que Galiza é moi diferente do preconcepto xeral que eu tiña de España. A xente que coñecín non dubidaba de que eran máis galegos que españois. E a gastronomía é probablemente igual de característica que a cultura e a lingua. Tamén me sorprenderon os fortes chuvascos e o tempo impredicible, así como a fidelidade da xente maior na Coruña á Igrexa Católica. Tamén me espantou saber dos intentos de Franco por eliminar a lingua galega. Foi agradable, sen embargo, ver centos de obras de arte expostas nas oficinas da Deputación na Coruña. A situación é moi diferente en Gales, onde o sector público parece ter pouco respecto pola arte. Ademais, coñecín mulleres políticas moi traballadoras, como Goretti Sanmartín na Deptuación, e fíxome feliz que houbese moitas mulleres en posicións de poder e influencia na Coruña. Outra cousa que me sorprendeu foi que o ilustrador galego Xosé Cobas estea empregado full-time como ilustrador para a Deputación. Xa nos gustaría ter algo así en Gales. As súas ilustracións son unha marabilla. 

Antes era normal que os artistas galeses se mudaran a cidades grandes en Inglaterra para estudar e dedicarse á súa carreira. Inevitablemente, a consecuencia disto, a súa obra reflectiu unha perspectiva máis anglicanizada.

- Coñeciches a Kiko Dasilva, Leandro Lamas e Xosé Cobas. Que significou para ti en termos de intercambio e aprendizaxe?
- Son tres artistas moi diferentes, con estilos e técnicas contrapostas. Como xa dixen, Xosé traballa na Deputación, producindo obras a pequena escala en óleo e usando un Mac, mentres Kiko traballa nunha magnífica escola de arte en Pontevedra combinando o ensino coa publicación de libros. As circunstancias de Leandro son similares ás miñas, el ten un pequeno estudo en Neda e traballa de forma ocasional con compañías de teatro para crianzas. Pareceume moi útil comparar cuestións con eles e beneficiarme do seu entusiasmo e compromiso. 

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

- Ser parte dun país sen estado e falante dunha lingua minoritaria fixo a túa arte diferente?
- No pasado máis recente era normal que os artistas galeses se mudaran a cidades grandes en Inglaterra (ou mesmo Francia) para estudar e dedicarse á súa carreira. Inevitablemente, a consecuencia disto, a súa obra reflectiu unha perspectiva máis anglicanizada. Hoxe, sen embargo, hai máis galerías de arte galesas que apoian aos artistas de aquí, permitíndonos permanecer nas nosas comunidades e reflectir a vida que acontece aquí. Coma algúns de nós en Gales, moitos galegos están claramente orgullosos do seu legado cultural e buscan protexelo da dominación por parte da influencia cultural española. Quizais é por iso que hai textos nas nosas propias linguas que destacan de forma prominente nas obras tanto en Galiza coma en Gales. 

obra-luned-panneda

- Creaches algunha obra en Galiza?
- Non tiven tanto tempo durante a miña estancia aquí para producir como me tería gustado, porque tiña que traballar nun horario moi axustado. Pero obviamente non puiden ignorar Santiago de Compsostela e os seus espectaculares edificios e historia, aínda que tamén tentei reflectir algo da vida diaria en Galiza, incluíndo a súa cultura de cafés e as súas empanadas. Aprendín un pouco sobre María Pita e Rosalía de Castro, e arranxeime para facer un collage con elas. Seguindo a fantástica viaxe á fábrica de cerámica de Sargadelos no norte de Galiza, intentei incorporar as miñas propias versións en papel da louza, co seu particular patrón azul e branco. Tamén me decatei do importante que é o semanario Sermos Galiza para os meus novos colegas en Galiza, así que intentei incluír versións miniatura do Sermos nas miñas pezas. 

- Como parte do programa Tosta, haberá un festival pop-up que amosará as obras creadas por todos os artistas participantes. Estarás de novo en Galiza en setembro, en Rianxo. Que farás alí?
- As obras expoñeranse na mostra Tosta en Rianxo. Espero que sexa unha oportunidade para min de coñecer outros artistas e tamén organizadores que participaron no programa. 

- Tamén estarás en Carballo nunha residencia artística con outros artistas. E pintarás un mural, non?
Si, estarei alí en setembro para traballar nun mural nunha escola de arte, e estou moi ilusionada co proxecto. 

“Galiza é moi diferente do preconcepto xeral que eu tiña de España”
comentarios