Entrevistamos Panxo (Zoo Posse)

“Galiza foi a nosa terra predilecta desde que comezamos”

A sexta feira 25 de outubro o grupo valencià de moda, Zoo Posse, visita Galiza unha vez máis para despedirse por unha tempada. Sermos Galiza conversa co vocalista Toni Sánchez (Panxo) sobre a traxectoria pasada e futura dun proxecto que colocou con forza a música valencià fóra das súas fronteiras.

[Foto: Bernat Almriall] O grupo Zoo Posse
photo_camera [Foto: Bernat Almriall] O grupo Zoo Posse

A tempestade chegaba do sur, como anunciaba o título do seu primeiro álbum, da man dos ritmos electrónicos mesturados co rap arraigado e socialmente comprometido do grupo de Gandía Zoo Posse. As boas vibracións consolidábanse co seu segundo traballo, Raval, un disco sobre as periferias na súa polisemia que, cun balance máis maduro, deixaba no ar un pouso de loita se cabe máis profunda. Após cinco anos de intenso traballo, os músicos anuncian a xira deste verán como unha despedida, pois irá seguida dunha pausa. Sermos Galiza aproveita a súa visita a Santiago para conversar con Toni Sánchez (Panxo) sobre o frenesí que axiña os colocou como referente da música valencià fóra do país.

A explosión desde o seu primeiro disco até hoxe marcou un ritmo frenético. Que balance fan dos cinco anos de percurso do grupo?

Un balance super bo, porque somos conscientes de que tivemos unha traxectoria un pouco máis rápida que a maioría de grupos, no que ao noso circuíto respecta, cando menos. O noso primeiro disco, Tempestes vénen del sud, empurrounos moito. Estamos moi contentos porque en cinco anos nos paramos e cumprimos con todo o que nos fomos propoñendo. Mais, sobre todo, porque transcendemos o espazo do noso ámbito lingüístico, que é unha cousa que sendo un grupo dun lugar como o noso e cantando nunha lingua como a nosa é como unha quimera, é algo que todos os grupos que comezamos aquí sempre soñamos, e nos conseguímolo, polo que estamos moi felices. 

Transcendemos o espazo do noso ámbito lingüístico, que é unha cousa que sendo un grupo dun lugar como o noso e cantando nunha lingua como a nosa é como unha quimera

Agora toca un parón indefinido, que non definitivo.

Exacto, aínda que tampouco moi indefinido en realidade. É un parón até 2021, que volveremos aos escenarios, non sabemos cando exactamente. É un parón dun ano sen xirar, o que sería un ano sen coller a furgoneta. Como tivemos estes veráns tan longos, pois agora cada vez comezan antes os festivais e rematan máis tarde... precisabamos un ano sen saír á estrada.

Será un retorno con temas novos?

Ese é o propósito. Volver con cancións novas e renovar un pouco o repertorio. E renovarnos un pouco nós tamén.

O País Valencià viviu nos últimos anos a consolidación da súa escena musical, tamén cara a fóra. Se Zoo ocupou o espazo que deixaron Obrint Pas e La Gossa Sorda, agora o panorama acusa o seu oco e o de Aspencat, que se retiraba hai dous anos. Quen ocupará ese baleiro?

Gozamos dunha saúde musical boa desde hai moitos anos e iso aínda vai durar. Creo que de cara ao próximo ano, se hai que elixir un referente en música cantada en valencià, quedaríame con Smoking Souls, que é un grupo que vai sacar disco en breve e ten unha moi boa previsión a nivel estatal, a nivel catalanoparlante están xa consolidados, e o seu próximo paso penso que será un salto estatal. É un grupo diferente, que racha un pouco coas sonoridades que viñemos facendo todos os grupos da zona, máis rockeiro, e penso que van ser un pouco a referencia.

Recordounos un pouco ao País Valencià, no senso de que é un sitio pequeno e a xente que sigue este tipo de concertos e o circuíto de festivais é como unha pequena familia

Un dos últimos concertos desta xira de despedida será na Galiza, após pasar por outros territorios. Denota isto unha relación especial co noso público?

Galiza foi a nosa terra predilecta desde que comezamos, dos territorios que non son casa nosa. Nunca soubemos explicar ben por que razón, pero desde que comezamos a ir alí houbo unha conexión moi bonita coa xente, unha resposta moito mellor do que agardabamos. Recordounos un pouco ao País Valencià, no senso de que é un sitio pequeno e a xente que sigue este tipo de concertos e o circuíto de festivais é como unha pequena familia e sempre que imos responden e medra. A través do boca a boca foise estendendo a cousa, foi vindo cada vez máis xente, e a verdade é que estamos moi contentos.

Que significa saír fóra e ver milleiros de persoas a cantar en valenciá?

É moi emocionante. É algo co que non contabamos moito nun principio e realmente é o que máis nos gusta. Xustamente o outro día fomos a Madrid e comentabamos isto. Tamén por unha circunstancia especial, que é que nós non cantamos en inglés. Se o fixésemos, non sería tan emocionante. O emocionante é que a xente cante en valenciá lonxe da nosa terra.

Algúns artistas galegos están cansos de que lles pregunten por que cantan na súa lingua. Pásalles o mesmo?

Nós non cantamos en inglés. Se o fixésemos, non sería tan emocionante. O emocionante é que a xente cante en valenciá lonxe da nosa terra.

Si, pregúntannos, pero a resposta é ben doada: porque é a nosa lingua. É certo que adoitan preguntalo e probabelmente nesa pregunta hai un pouco de menosprezo, ás veces involuntario, pero haino.

Raval é un disco moi coral que se traduce con moitas colaboracións sobre escenario. Haberá algunha sorpresa no concerto de Compostela?

Non, xustamente a Santiago imos cun repertorio especial para estes concertos de despedida pero non levamos colaboracións porque non foi posíbel facer coincidir á xente e collía tamén un pouco lonxe e foi complicado.

Comentarios